A Consellería de Sanidade acolleu unha xornada sobre a Rede Española de axencias de avaliación de tecnoloxías sanitarias e prestacións do sistema nacional de saúde
A reunión contou coa participación da directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Sonia Martínez Arca, quen moderou unha mesa redonda
A presentación da Rede Española correu a cargo de Sonia García San José, subdirectora xeral de Calidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade
Nesta xuntanza deuse a coñecer o labor desta Rede na xeración e difusión de información destinada a facilitar a toma de decisións sobre a incorporación de novas tecnoloxías no Sistema Nacional de Saúde
No encontro, a directora da Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia, falou da experiencia galega dentro da rede estatal
O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu hoxe unha xornada sobre a Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias e prestacións do Sistema Nacional de Saúde: Garantía de Sostenibilidade, que contou coa presenza da directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Sonia Martínez Arca.
O propósito deste encontro, organizado pola Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias (Avalia-t) en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, é dar a coñecer o papel da Rede Española, no que participa a antedita axencia galega, na xeración e difusión da información destinada a facilitar a toma de decisións sobre a incorporación de novas tecnoloxías no Sistema Nacional de Saúde e na nosa Comunidade Autónoma.
Experiencia galega
Na xornada tamén participou a directora da Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia (Avalia-t), Marisa López García, quen falou da experiencia deste organismo dependente da Consellería de Sanidade, dentro da Rede estatal.
Na súa intervención, Marisa López García, remarcou a participación activa de Axencia galega na posta en marcha da Rede de Axencias, coa elaboración dun documento de consenso sobre a tipoloxía dos informes de avaliación da Rede, así como da súa difusión. Así mesmo, Avalia-t está a participar en tres grupos de traballo creados pola Dirección Xeral de Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde do Ministerio, concretamente nos de cribado neonatal, implantes cardíacos e implantes vasculares.
Ademais de diferentes informes de avaliación sobre técnicas radioterapéuticas, cirúrxicas ou cardiolóxicas, destacan os estudos elaborados pola axencia galega sobre o cribado neonatal de diferentes patoloxías, como a fibrose quística, a anemia falciforme ou diversos erros conxénitos do metabolismo, e que serviron de base científica para a toma de decisións sobre a súa incorporación á carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde.
Garantir a equidade e mellorar a eficiencia
A presentación da Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias correu a cargo de Sonia García San José, subdirectora xeral de Calidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
A creación desta Rede posibilita a adaptación e coordinación das estruturas existentes de forma máis eficiente e sostible, evitando duplicidades e tomando como base o recoñecemento mutuo e a credibilidade, á vez que se potencia o modelo de traballo en rede.
Preténdese, pois, a partir da síntese de información científica rigorosa e de calidade, garantir a equidade, mellorar a eficiencia e favorecer a cohesión do Sistema Nacional de Saúde, facilitando a toma de decisións referente á incorporación de novas prestacións en base a criterios de custe-efectividade, contribuíndo, ademais, ao uso apropiado das tecnoloxías sanitarias, ao seguimento pos-introdución das mesmas, ao incremento da calidade e á diminución da variabilidade na práctica clínica mediante a utilización dos informes de avaliación e guías de práctica clínica.
Valores
Como quedou reflectido na xornada, o obxectivo xeral desta Rede española é fundamentar a toma de decisións sobre a incorporación, condicións de financiamento e uso apropiado das tecnoloxías sanitarias, mediante a súa aplicación global en todo o territorio nacional a través do servizos de saúde correspondentes, coa fin de promover a equidade e sostenibilidade do Sistema Nacional de Saúde.
A tal efecto, actuará con coherencia nas prioridades do Sistema Nacional de Saúde; con solidez e rigor dos distintos traballos e informes que se elaboren e que se basearán no coñecemento científico máis actualizado; con independencia; con transparencia en todo o proceso de priorización, identificación, sintese e avaliación crítica do coñecemento científico; e con colaboración como principio artellador entre disciplinas científicas, actores e partícipes no sistema sanitario.