A Consellería de Educación dotará 35 centros educativos de Pontevedra de 1.667 ordenadores ultraportátiles para o desenvolvemento do proxecto Abalar o vindeiro curso

Mércores 19 de Maio de 2010

A Consellería de Educación dotará 35 centros educativos de Pontevedra de 1.667 ordenadores ultraportátiles para o desenvolvemento do proxecto Abalar o vindeiro curso

Case 1.700 alumnas e alumnos de 84 aulas das comarcas de O Salnés, Pontevedra, O Morrazo, Ulla-Umia, Deza e Tabeirós-Terra de Montes disporán en setembro de cadanseu ordenador ultraportátil grazas a un investimento de 1.300.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentou aos directores dos centros pontevedreses a estratexia de implantación das TIC no sistema educativo.

Ademais o proxecto dotará ás aulas de encerado dixital e ordenador para o profesorado.

Case 1.700 alumnas e alumnos de 35 centros da provincia de Pontevedra terán en setembro cadanseu ordenador ultraportátil na aula, grazas á implantación do Proxecto ABALAR nos centros educativos da zona, que vai desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O investimento previsto para estes 1.667 alumnos será de 1.300.000 euros en equipamento informático, infraestruturas e formación do profesorado, “o que demostra a forte aposta que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a facer pola calidade do ensino nos centros das comarcas de Salnés, Pontevedra, O Morrazo, Ulla-Umia, Deza e Tabeirós-Terra de Montes”.

Así o manifestou o delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que presentou hoxe o Plan ABALAR, acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema; o subdirector xeral de Sistemas Informáticos da Consellería de Educación, Carlos Vázquez Mariño e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.

Tras o encontro cos medios os representantes da Consellería de Educación mantiveron unha reunión cos directores dos 35 centros das comarcas dependentes da Delegación Territorial de Pontevedra que participan nesta primeira fase do Proxecto ABALAR. Os primeiros en entrar no proxecto para a implantación das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o vindeiro curso serán 84 aulas de colexios e institutos da zona. Así, os alumnos e alumnas de 5º de Primaria e 1º da ESO, disporán de cadanseu ordenador ultraportátil. Ademais, o proxecto dotará ás aulas de encerado dixital e ordenador de sobremesa para o profesorado.

Integración da comunidade educativa
A estratexia de implantación das TIC no sistema educativo que está a desenvolver a Consellería de Educación, a través do Proxecto ABALAR vai supor a conversión de colexios e institutos en Centros Educativos Dixitais, o que redundará nun cambio do modelo ensino-aprendizaxe. Isto esixe a adopción e integración das TIC en todos os ámbitos do proceso educativo, a través do fomento da Cultura Dixital, e coa implicación das familias e de toda a comunidade educativa. Para favorecer esta participación, o proxecto disporá dun portal web propio, ‘espazoABALAR’, que será o referente dos servizos educativos en Galicia para toda a comunidade –profesorado, alumnado, familias, ANPAS...-.

Deste xeito, as familias poderán facer un seguimento académico dos seus fillos en ‘espazoABALAR’, grazas a un procedemento de comunicación directa e multicanle cos profesores e titores.

Por outra banda, o espazo destinado aos docentes na plataforma web de ABALAR facilitará a parte administrativa do seu traballo, simplificando procesos como a introdución de datos nos expedientes do alumnado, abrindo novas canles de comunicación cos alumnos, as familias, a dirección do centro e o resto do profesorado. Ademais, a web vai poñer ao seu dispor ferramentas moi demandadas polo profesorado como o ‘Caderno do Profesor’, no que atopará ferramentas para o control da asistencia do alumnado, o diario de clase, as tarefas e traballos asignados aos alumnos, etc. Parte desta información estará tamén dispoñible para as familias, de tal forma que poidan seguir de cerca o desenvolvemento académico dos seus fillos

A súa participación no proxecto vai quedar tamén favorecida polo 'Repositorio de Contidos Educativos Dixitais'. Trátase dunha ferramenta que permitirá a xestión, difusión e emprego dos recursos educativos desenvolvidos pola comunidade educativa de Galicia para integrar as TIC, e onde se agregarán outros de diferente procedencia (repositorios doutras Comunidades Autónomas, Ministerio ou mesmo internacionais). Isto significa, dunha banda fomentar a colaboración entre a comunidade docente, aproveitando ademais as mellores prácticas desenvolvidas nos centros máis avanzados; e doutra poñer en valor o seu traballo, como actores fundamentais do cambio educativo.

No tocante ao alumnado, ‘espazoABALAR’ permitirá nun futuro novos mecanismos para traballar con estudantes que requiran unha atención especial e diferenciada. Deste xeito, posibilitará a educación a distancia, facilitando o acceso ao ensino a enfermos de longa duración hospitalizados ou nas súas vivendas, persoas con mobilidade reducida, e estudantes con necesidades específicas. Ademais, permitirá un amplo seguimento académico, e a interacción co profesor ou a dirección do seu centro, o que se traduce nun claro fomento da actitude colaborativa.

Unha aposta de futuro
Baseado sobre accións planificadas no ámbito da tecnoloxía, da metodoloxía educativa, e da capacitación dos docentes, a meta final que persegue ABALAR é un cambio integral no modelo educativo, de tal forma que se pase do uso dunha aula específica de informática a que esta sexa parte diaria da actividade en todas as aulas.

No período 2010- 2013 está previsto que se beneficien da modernización do ensino uns 87.000 alumnos de 1.000 centros educativos de toda Galicia, ademais de 15.000 docentes, que recibirán formación específica para o uso das TIC na súa práctica diaria.