A consellería de Cultura e Educación reitera a súa aposta polo ensino rural ao impulsar o desenvolvemento da ‘Rede Escolas na Nube’

Venres 19 de Abril de 2013

A consellería de Cultura e Educación reitera a súa aposta polo ensino rural ao impulsar o desenvolvemento da ‘Rede Escolas na Nube’

A través da sinatura dun convenio coa AMTEGA e o CESGA, este proxecto de innovación educativa optimizará as ferramentas baseadas na computación ‘cloud’ e o software libre para desenvolver unha solución de alta calidade que mellore as propostas dos Centros Rurais Agrupados

A iniciativa vén de ser galardoada recentemente nos premios Computerworld 2012 Iberoamérica, na categoría ‘Cooperación ao desenvolvemento e Inclusión dixital’

A consellería ratifica o seu compromiso coas zonas rurais co obxectivo de mellorar o sistema e ofrecer un servizo baseado na igualdade de oportunidades

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez, asinaron esta mañá en San Caetano un convenio de colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia, dependente da Axencia Galega da Innovación, representada polo seu director Manuel Varela Rey e polo propio director xerente do CESGA, Javier García Tobío.

O obxecto do convenio é establecer o marco de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Centro de Supercomputación de Galicia para a desenvolvemento do proxecto de innovación ‘Rede de Escolas na Nube’, que ten como finalidade a análise e optimización de metodoloxías e ferramentas baseadas en servizos cloud (na nube) e software libre, para desenvolver unha solución de alta calidade que permita mellorar a comunicación entre familias e centros, o traballo colaborativo e as prácticas educativas do profesorado e o alumnado das escolas rurais.

A Xunta de Galicia enmarca esta actuación na súa aposta polo ensino rural e de calidade, así como pola optimización e mellora dos seus resultados. Desde unha perspectiva pioneira e innovadora a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria afronta a dispersión poboacional do rural favorecendo a actividade do profesorado, e acadando outro banzo na mellora da conectividade do medio rural. Un medio que necesita deste pulo do Goberno Autonómico para cambiar o efecto negativo da perda de poboación. A Consellería ratifica así o seu compromiso coas zonas rurais co obxectivo de mellorar o sistema educativo e ofrecer un servizo baseado na igualdade de oportunidades.

Contidos na rede

Esta innovadora solución adecúase ás necesidades e tipoloxía específica dos Centros Rurais Agrupados (CRAs) de Cultura e Educación. Un CRA é un centro público localizado na contorna rural, que imparte educación infantil e primaria, e que ten a particularidade de que está composto por varias escolas en aldeas distintas, pero que funciona como unha única escola a nivel administrativo e funcional, cun claustro común de mestres, etc. Este modelo funciona en toda España dende os anos 90, e permite proporcionar un ensino de calidade cunha alta integración nas comunidades rurais.

Na actualidade, a experiencia piloto estase a desenvolver en catro Centros Rurais Agrupados: o CRA de Vilaboa, o CRA Amencer en Ribadavia, o CRA Boqueixón-Vedra, e o CRA Nosa Señora do Faro, en Ponteceso. Entre eles abarcan 22 escolas unitarias rurais nas provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña, con 60 docentes e 333 estudantes dende os 3 aos 7 anos participando no proxecto dende o principio de curso.

Co proxecto “Rede de Escolas na Nube” a Xunta de Galicia desenvolve unha contorna de traballo (escritorio virtual na nube), á que os diferentes usuarios (alumnado, profesorado e familias) acceden mediante un navegador web dende calquera lugar; que se adapta ao xeito de traballo de cada centro, e permite un gran nivel de autonomía na xestión da comunicación e das propostas da aprendizaxe individualizado de cada CRA. A devandita contorna conta con ferramentas como: multiconferencia, repositorios na nube comúns e individuais, ferramentas de edición de contidos educativos, etc. Ademais desta contorna autónoma para cada centro, desenvolverase unha solución integrada que permita a comunicación e a colaboración entre os diferentes centros de forma sinxela e superando as distancias, creando unha rede común de aprendizaxe e colaboración en comunidade.

Esta iniciativa vén de ser galardoada recentemente nos premios Computerworld 2012 Iberoamérica, na categoría ‘Cooperación ao desenvolvemento e Inclusión dixital’. Previamente, no 2011, xa recibira outro prestixioso galardón nos Premios internacionais Educared.