A Consellería de Cultura e Educación ofrece cursos básicos de manexo do teléfono móbil e do ordenador na Biblioteca Nodal de Lugo
O centro expón este mes unha mostra de carteis das festas de San Froilán e outra sobre a vida cotiá dos castrexos.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece este mes cursos básicos de manexo do teléfono móbil e do ordenador na Biblioteca Nodal de Lugo, continuando cun programa de alfabetización dixital dirixido a persoas que non están habituadas a usar as tecnoloxías.
Así, entre os días 13 e 17 desenvolverase un curso de ofimática básica no que se impartirán nocións sobre os principais compoñentes dun equipo informático -hardware, software-, o escritorio de Windows, as utilidades dos botóns do rato e do teclado, a creación de carpetas, uso de programas, ventás e menús, ou o funcionamento de elementos externos como impresora, lector de CD ou USB. A biblioteca oferta 12 prazas para este curso, que é totalmente gratuíto.
Igualmente, os días 28 e 29 hai un cursiño pensado especialmente para as persoas maiores que queren alcanzar autonomía no manexo do teléfono móbil. Dura catro horas –en horario de cinco a sete da tarde- e terá lugar na sala multiusos do centro.
A Biblioteca Nodal presenta este mes unha exposición de carteis das festas de San Froilán procedentes do seu propio fondo bibliográfico. Así mesmo, ata o 30 de novembro estará exposta a mostra Vida cotiá dos castrexos. Ampliacións e novos materiais de Roma Bellum, Corpus Hipocraticum…, organizada pola asociación Terra Copora. Trátase dunha recreación histórica e cultural das orixes romanas e castrexas da cidade de Lugo, achegando á cidadanía lucense ao mundo da reconstrución e a divulgación histórica.
A Biblioteca Provincial Nodal celebra o primeiro aniversario do seu blog Lucuscomic cunha mostra bibliográfica sobre Mafalda, que cumpre 50 anos, Lobezno -40 anos-, e con Batman, que xa cumpre 75 anos.
Polo que respecta á programación infantil, o venres día 10 preséntase Nadarín, unha historia para nenos e nenas de entre 4 a 12 anos que invita a pensar e aprender leccións sobre o esforzo, o medo, as cores, as formas ou os animais.
O venres 17 Pavís Pavós trae á ludoteca Palma Repalma, unha sesión de contos, arrolos, cantos e ladaíñas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, e unha semana despois, o día 24, chega O novo home do saco, da man de Iago López Santos, un contacontos dirixido aos cativos e cativas de 4 a 12 anos.
Para rematar, o día 31 haberá un obradoiro de iniciación ao manga –banda deseñada xaponesa- para escolares a partir de 9 anos. Todas as actividades infantís comezan ás seis da tarde, sendo preciso apuntarse previamente.