A Consellería de Cultura e Educación fomenta a intercomunicación entre o profesorado galego a través da nova rede social educativa Redeiras
A nova rede social será un espazo de encontro, de comunicación e colaboración entre os docentes
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de crear Redeiras (http://www.edu.xunta.es/redeiras), unha rede social para favorecer a intercomunicación entre o profesorado galego, co fin de fomentar o traballo colaborativo e o intercambio de experiencias como complemento á súa práctica educativa.
Desta forma créase unha rede social de carácter profesional dirixida ao profesorado dos centros educativos públicos de Galicia, proporcionándolle un espazo de encontro, comunicación e colaboración onde intercambiar ideas, propostas, recursos, actividades, iniciativas, etc.
Un espazo profesional
Redeiras nace como unha rede social instalada nos servidores propios da Consellería, nun entorno fiable e profesional, onde unicamente se admiten como participantes aos docentes dos centros públicos de ensino non universitario de Galicia.
Así mesmo, Redeiras ofrece todas as funcionalidades propias de calquera outra rede social, como son a creación de espazos privados e individuais, a creación de espazos de grupo e creación de grupos por intereses comúns, o intercambio de ficheiros, a publicación de contidos personalizados ou de grupo, a posibilidade de compartir ficheiros e documentos, a creación de documentos colaborativos en liña, o intercambio de marcadores de internet, a publicación de contidos multimedia (imaxe, vídeo e son), un servizo de mensaxería interna para uso exclusivo entre os usuarios da rede social, etc.
A nova rede social nace con expectativas dun crecemento continuo, tanto no número de usuarios como no número de funcionalidades, contemplando a posibilidade de futuras incorporacións de novos servizos e melloras nesta plataforma.
O proxecto Redeiras súmase así ao conxunto de ferramentas da web 2.0 que actualmente ofrece a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á comunidade educativa.