A conselleira de Sanidade destaca o importante avance que supón a incorporación da historia clínica electrónica nas unidades de saúde bucodental

Venres 28 de Maio de 2010

A conselleira de Sanidade destaca o importante avance que supón a incorporación da historia clínica electrónica nas unidades de saúde bucodental

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, presidiu hoxe a sesión plenaria da reunión de Consellos de Dentistas de Europa, destacando o avance que supón a incorporación da historia clínica electrónica nas unidades de Saúde Bucodental. “A día de hoxe contamos con 85 destas unidades”, dixo a titular da carteira sanitaria, e que se atopan ubicadas nos centros de saúde, dándose cobertura por medio delas á poboación da nosa Comunidade.

Tal e como remarcou a conselleira de Sanidade, Galicia conta cun Programa de Saúde Bucodental en Atención Primaria, que inclúe na súa carteira de servizos o coidado das nenas e nenos, as mulleres embarazadas, os grupos de risco e a poboación en xeral, tanto en procesos agudos como en urxencias.

Ademais, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, desenvólvese o programa de saúde bucodental que se realiza nos colexios da nosa Comunidade. Tamén está previsto realizar, no último trimestre deste ano, un Estudo Epidemiolóxico de Saúde Bucodental, seguindo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

Outra das iniciativas do executivo galego no campo da saúde bucodental está dirixida á promoción en nenas e nenos que teñan 7 e 12 anos no 2010, nos que realizarase unha revisión anual, cuxo contido preventivo e asistencial aplicarase de xeito individualizado baixo criterio facultativo. Inclúense, igualmente, instrucións en materia de dieta, adestramento en hixiene da cavidade oral dirixida tanto aos propios nenos e nenas como aos seus pais ou titores, aplicación de flúor tópico, e, ademais, exploración radiolóxica cando se requira, entre outros tratamentos.

Asemade, para a atención odontolóxica nos módulos asistenciais de “pacientes especiais”, a Administración sanitaria galega mantén o acordo de colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago, destacou Pilar Farjas.