A colaboración entre a Amtega e o IGE na elaboración das enquisas sobre a Sociedade da Información en Galicia permitirá un aforro de máis de 50.000 euros anuais

Domingo 11 de Novembro de 2012

A colaboración entre a Amtega e o IGE na elaboración das enquisas sobre a Sociedade da Información en Galicia permitirá un aforro de máis de 50.000 euros anuais

Ambas entidades asinaron un convenio para optimizar a recollida dos datos sobre a penetración das TIC en fogares e empresas galegas

A partir de 2013 os datos dos informes que elabore o Observatorio para a Sociedade da Información da Amtega procederán de enquisas que realiza o IGE no caso dos fogares e do INE no ámbito das empresas

Evítase a duplicidade de estatísticas e increméntase a mostra en máis de 7.000 enquisas aos fogares e en máis de 300 enquisas ás empresas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Instituto Galego de Estatística (IGE) asinaron un convenio de colaboración para optimizar a recollida dos datos relativos á Sociedade da Información nos fogares e nas empresas de Galicia.

Ata agora era o Observatorio para a Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Amtega, o que recompilaba estes datos realizando as súas propias enquisas sobre a penetración e a evolución das TIC en fogares e empresas da Comunidade.

O acordo establece a integración dos indicadores da Sociedade da Información na Poboación de Galicia dentro da enquisa “Condicións de Vida das Familias”, que elabora anualmente o IGE, que tamén se compromete a trasladar ao OSIMGA os datos do INE sobre o uso das TIC e o comercio electrónicos nas empresas galegas.

Deste xeito evítase a duplicidade de enquisas, o que suporá un aforro estimado de máis de 50.000 euros anuais, atendendo  aos criterios de máxima eficiencia, eficacia e austeridade na estrutura organizativa da actividade estatística da Administración autonómica.

Esta cooperación permitirá que os datos que antes recollía o Observatorio, nos vindeiros anos procedan de enquisas que realiza o IGE no caso dos fogares e do INE no ámbito das empresas. Con este fin, as diferentes entidades implicadas traballaron neste último ano na inclusión de novas preguntas sobre tecnoloxías nos cuestionarios oficiais dos dous institutos estatísticos.

Ademais, suporá un aumento da mostra con respecto aos estudos do OSIMGA de máis de 7.000 enquisas no caso dos fogares e de máis de 300 enquisas no caso das empresas de 10 e máis traballadores. Isto permitirá unha maior desagregación dos datos segundo áreas xeográficas axustándose máis ás características propias do hábitat galego.

Módulo específico e datos de empresas multilocalizadas

O acordo establece tamén que, cada cinco anos, se inclúa na enquisa “Condicións de Vida das Familias” do IGE un módulo máis amplo sobre as novas tecnoloxías nos fogares galegos, estando previsto realizar este módulo, por primeira vez, no ano 2013.

O convenio contempla a obtención, a través do IGE, de datos das empresas multilocalizadas, é dicir, empresas con sede fóra de Galicia pero que desenvolven parte da súa actividade na nosa Comunidade, ofrecendo datos complementarios aos que actualmente proporciona o INE.

Ademais, estes datos permitirán actualizar anualmente o Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia, incluído no Plan Galego de Estatística 2012-2016 da Comunidade Autónoma de Galicia. Trátase dunha selección dos indicadores máis relevantes que permiten monitorizar a evolución do equipamento e uso das TIC na sociedade e tecido empresarial galego e que se pode consultar na web do OSIMGA www.osimga.org