A Cidade da Cultura acolle este venres as IV Xornadas de Informática Xudicial, organizadas polo CPETIG en colaboración coa Amtega
Máis de 100 persoas asistirán a este foro de debate sobre os retos da Xustiza ante a sociedade 2.0.
O programa e o formulario de inscrición, están dispoñibles no microsite do evento http://xornadaxudicial2013.cpetig.org.
O vindeiro venres 10 de outubro a Cidade da Cultura de Galicia acollerá a cuarta edición das Xornadas de Informática Xudicial, organizadas un ano máis polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega).
Baixo o nome “A xustiza ante a sociedade 2.0. Móbiles, nube, redes sociais e Big Data”, o encontro ten como obxectivo informar aos profesionais do ámbito xudicial de Galicia sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como da exposición de casos concretos que expoñerán relatores de alto nivel. O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, será o encargado de inaugurar as xornadas e a directora de Amtega, Mar Pereira, clausurará o encontro.
Un ano máis as Xornadas de Informática Xudicial consolidan o seu papel de foro de debate sobre temas de actualidade para a administración de Xustiza. O obxectivo é o de contribuír e incrementar a efectividade e eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses.
Con máis de 100 inscritos e tras o éxito de edicións anteriores, as xornadas constitúen un punto de encontro e de debate entre técnicos e xuristas. O programa completo de relatorios, así como o formulario de inscrición, está dispoñible no microsite do evento http://xornadaxudicial2013.cpetig.org.
Expertos de recoñecido prestixio
Nesta edición os asistentes poderán escoitar a profesionais como o maxistrado e xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco; o avogado Jorge Campanillas Ciaurriz, especializado en dereito das Tecnoloxías da Información ; Jorge Martín García, inspector da policía científica; o membro da Europol Jaap Van Oss especializado na ciberdelincuencia; o profesor de Dereito Administrativo Julián Valero-Torrijos; o analista en seguridade informática e socio de DinoSec Raúl Siles Peláez, e o xa coñecido community manager da Policía Nacional, Carlos Fernández Guerra.
Coas súas achegas tratarán ao longo deste venres, e desde distintas perspectivas, os retos da xustiza ante a sociedade 2.0. Ademais, mostrarán aos asistentes os últimos avances en investigación de delitos informáticos e as ferramentas necesarias para estar protexido na rede.
O CPETIG co desenvolvemento tecnolóxico de Galicia
Desde a súa creación no 2007, o Colexio Professional de Técnicos Informáticos de Galicia está comprometido co desenvolvemento tecnolóxico galego.
Mediante un convenio de colaboración coa Amtega, organiza ademais das “Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos” diferentes seminarios durante todo o ano para concienciar a pais e fillos da importancia de formar aos menores no uso das novas tecnoloxías.