A campaña da Amtega e o CPEIG '1 mes 1 profesión dixital' continua en maio cunha xornada centrada nos contidos dixitais
O encontro terá lugar o vindeiro luns, 25 de maio, a partir das 17.00 horas na Cidade da Cultura.
Intervirán cinco expertos en xeración de contidos dixitais, que abordarán as características e requisitos do seu labor e perfil profesional.
A participación é aberta e gratuíta, previa inscrición e ata completar os aforamentos.
Os relatorios poderán seguirse co hashtag #1mes1profDIX e vía streaming a través da web do proxecto http://profesionsdixitais.org/
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), organizan para o vindeiro luns 25 a xornada Faite profesional dixital dos contidos dixitais. O encontro, enmarcado na campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital, desenvolverase na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
Os asistentes ao evento coñecerán, da man de destacados expertos na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual. Os relatores exporán as características e requisitos do seu labor e perfil profesional, tanto de xeito individual como nun debate conxunto e aberto ao público, que porá o peche a esta segunda xornada de 1 mes, 1 profesión dixital.
O Salón 2 do Edificio CINC acollerá de 17.00 a 20.00 horas o encontro, cuxa inscrición é libre e gratuíta. As persoas interesadas en asistir xa poden inscribirse a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org ou da web www.profesionsdixitais.org, na que tamén figura o programa e información da iniciativa e dos relatores que participan.
A xornada poderá seguirse tamén a través do twitter co hashtag #1mes1profDIX e vía streaming a través da web do proxecto http://profesionsdixitais.org/
Programa e os relatores
Tras a benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, o CoFounder e CEO de Teimas Desenvolvemento, Miguel Varela, abrirá as intervencións co relatorio “Faite experto en xestión de residuos e gamificación”. Teimas é unha empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que centra a súa actividade no sector ambiental. Entre os seus traballos destaca o software para a xestión de residuos Teixo.
A continuación, Francisco Alfonso Domínguez falará das claves para ser experto en xeración de contidos dixitais a través da súa experiencia como Project Management en Imaxina. Esta firma pioneira na creación de libros de texto dixitais desenvolveu traballos que foron postos como exemplo a nivel mundial por Apple.
Pola súa banda, o xefe de Escola HT A.T0.049 do Real Aeroclube de Santiago, Claudio Guridi, compartirá a súa experiencia na xeración de contidos a través de avións non tripulados ou drons. Guridi é piloto comercial e instrutor con preto de 1.500 horas de voo, das que 800 son como instrutor. Posúe a Habilitación de Tipo como piloto de Boeing-737.
Luz Castro, directora da área In Gaming da empresa Imaxin Software, será a encargada de afondar na adaptación de contidos. O seu labor céntrase no desenvolvemento de xogos interactivos e produtos multimedia.
Finalmente, Esteban Vázquez, socio de Tesla Technologies abordará o perfil profesional dun experto na elaboración de xogos interactivos. Testa é unha empresa especializada en videoxogos e interactivos. Deseña e programa interactivos multiplataforma e acumula unha ampla experiencia en interactivos HTML5-CSS3_Canvas.
1 mes, 1 profesión dixital
A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o pasado mes de abril coa xornada Faite profesional dixital do marketing dixital. Trátase dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais, que se desenvolverá ata outubro, e que ten como obxectivo xeral crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego.
As charlas darán a coñecer novos perfís profesionais dixitais como o de deseñador e programador dixitais, professional blogger, desenvolvedor de apps, especialista en contidos ou análise de datos, técnicos de e-commerce ou experto en marketing online, entre outros. Ademais, tamén se abordarán os cambios que están a afrontar profesionais doutros sectores (xornalistas, arquitectos...) para adaptarse ao novo contexto dixital. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado neste ano entre o CPEIG e a Amtega.