A Axencia para a Modernización Tecnolóxica recibe o premio CIO Directions 2013 como o organismo público máis innovador
O galardón recoñece tamén á Xunta como a primeira Administración Pública autonómica que asina un Pacto Tecnolóxico con empresas do sector TIC para impulsar o desenvolvemento dixital da Comunidade
O premio destaca o labor da Amtega na definición da estratexia tecnolóxica global do Goberno galego e a súa aposta por un modelo de xestión integrada das TIC
A xestión centralizada da Amtega está consolidar una aforro anual en gasto tecnolóxico de 6 millóns de euros
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, recolleu esta mañá en Madrid o premio CIO Directions 2013, que recoñece o labor da Axencia na definición e desenvolvemento da estratexia tecnolóxica global da Xunta e da súa aposta por un modelo de xestión integrada das TIC na Administración pública.
Ademais, o galardón fai unha mención especial ao Pacto Tecnolóxico asinado o pasado mes de xullo polo presidente da Xunta e os máximos responsables de dez empresas tecnolóxicas de ámbito nacional, internacional e autonómico xunto co Clúster TIC Galicia para impulsar o desenvolvemento dixital da Comunidade.
A organización do premio CIO Directions 2013 pon en valor esta iniciativa por ser a primeira a nivel estatal que plasma o compromiso de empresas do sector por converter a Galicia nun polo tecnolóxico de referencia así como o da propia Administración autonómica de apostar polas TIC na súa estratexia de Goberno.
Amtega e CPD, piares da estratexia TIC da Xunta
Mar Pereira destacou que a creación da Amtega en 2012 supuxo un fito histórico para a Administración autonómica. Por primeira vez a Comunidade conta cun único ente que está a xestionar de forma centralizada a día de hoxe un orzamento TIC de 94 millóns de euros e aglutina baixo unha mesma dirección a preto de 300 profesionais da área tecnolóxica da Xunta.
A xestión centralizada está a dar os primeiros resultados consolidando un aforro anual en gasto tecnolóxico de 6 millóns de euros grazas á centralización de compras con baixas por licitación, á negociación única no pagamento de licenzas cando é imprescindible, ao emprego do software libre cando é a solución máis competitiva, e á integración do gasto en telefonía e comunicación.
Xunto coa creación da Amtega a posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral do Gaiás é outro dos piares da estratexia tecnolóxica da Xunta. Esta plataforma tecnolóxica de altas prestacións é unha peza chave para a modernización dos servizos públicos e para a integración das TIC na sociedade con iniciativas e proxectos de continuidade que se consolidan no tempo e que están a contribuír a dinamizar o sector tecnolóxico.
Premios CIO DIRECTIONS
Os Premios CIO DIRECTIONS, que van xa pola cuarta edición, están organizados polo grupos IDG Communications e IDC. IDG é a editorial líder en información tecnolóxica, que edita en España publicacións como CIO, Computerworld e Dealer World e outras online.
IDC é un dos principais provedores globais de intelixencia de mercado, servizos de asesoría e eventos para os mercados de tecnoloxías da información, telecomunicacións e tecnoloxía de consumo.