A Axencia para a Modernización Tecnolóxica porá en marcha en abril un ciclo de webinars sobre novas tendencias dixitais para profesionais

Domingo 27 de Marzo de 2022

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica porá en marcha en abril un ciclo de webinars sobre novas tendencias dixitais para profesionais

• Esta iniciativa agrupa baixo a denominación TranformaTech Sessions ata 37 webinars nas categorías de Talento Xove e Profesional
• Exploran diversas temáticas vinculadas ás tecnoloxías disruptivas e ao seu impacto na sociedade, e continuarán o seu desenvolvemento durante o segundo e terceiro trimestre do 2022
• Esta iniciativa é unha das novidades do catálogo de actuacións do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022, co que a Axencia segue a poñer o foco no impulso do talento dixital da comunidade


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) iniciará en abril o novo programa de webinars TransformaTech Sessions dirixido a profesionais, nos que se exploran diversas temáticas vinculadas ás novas tendencias dixitais, ás tecnoloxías disruptivas e ao seu impacto na sociedade, como o Big Data, a intelixencia Artificial, a realidade virtual ou a ciberseguridade.

Estruturado en dúas categorías, Talento Xove e Profesional, o ciclo de webinars agrupa unha trintena de sesións virtuais. Esta iniciativa é unha das novidades do catálogo de actuacións do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022, co que a Axencia segue a poñer o foco no impulso do talento dixital da comunidade ao longo do ciclo vital da cidadanía.

 

Categoría Profesional, webinars orientados aos novos perfís dixitais

Baixo a categoría Profesional, a partir do mes de abril desenvolveranse sesións virtuais do TransformaTech Sessions dirixidas a estudantes, titulados e profesionais STEAM, e  a grupos mixtos de perfís científico-tecnolóxicos e non tecnolóxicos con interese en ampliar os seus coñecementos en materias relacionadas coas tecnoloxías disruptivas.  

O obxectivo e favorecer a adaptación dos galegos e das galegas ás novas profesións vinculadas ás tendencias tecnolóxicas que requiren de talento especializado, ao tempo que se xeran espazos que fomentan a hibridación dos profesionais afíns a ramas de coñecemento tradicionais e dos vinculados ao ámbito dixital.

 

Talento xove, webinars dirixidos á infancia e a adolescencia

A principios de marzo xa se celebraron os primeiros webinars da categoría Talento Xove, enfocados en estimular as vocacións nas profesións STEAM entre os máis novos e novas e espertar o seu interese nos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.

A través de sesións virtuais con contidos adaptados a este grupo de idade, o programa achega tendencias tecnolóxicas de vangarda ás aulas dos centros educativos de Bacharelato e Formación Profesional e a rapaces e rapaces de ata 16 anos, ofrecéndolles unha oportunidade de entrar en contacto coas novas tecnoloxías da man de profesionais expertos

 

O talento dixital, compromiso compartido

O Plan DigiTalent busca reducir a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital coa implicación dos axentes do tecido produtivo galego.

Neste senso, TransformaTech Sessions conta actualmente coa participación de empresas como Altia, Dinahosting, DXC Technology, Inetum, Forensic&Security, Minsait, NTT Data, R e Telefónica. A posta en marcha desta actuación conta ademais coa colaboración do GaiásTech, que como coordinador do ecosistema dixital galego.

Toda a información sobre esta e outras iniciativas recollidas no catálogo DigiTalent pode consultarse no espazo web Digitalent e do GaiásTech, que ofrecen as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.