A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia concede o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre
O gañador foi José Millán Soto polo proxecto “Soporte de Accesibilidade nas Aplicacións KDE”
A Asociación Cultural Proxecto Trasno outorgou a “Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC” a Leandro Regueiro Iglesias
O premio busca o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e a apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), concedeu a José Millán Soto da Universidade da Coruña o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre polo proxecto “Soporte de Accesibilidade nas Aplicacións KDE". Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.000 euros.
Ademais, a Asociación Cultural Trasno, colaboradora da iniciativa, outorgou a “Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC”, dotada con 800 euros, a Leandro Regueiro Iglesias da Universidade da Coruña polo proxecto "Terminator: aplicativo para a discusión colaborativa de terminoloxía utilizando tecnoloxías Web 2.0 e a infraestrutura de desenvolvemento web Django".
O obxectivo do premio é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e a apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que Software Libre, constitúe un área de traballo en crecemento.
Esta iniciativa enmárcase no do Plan de Software Libre 2012 da Xunta para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega.
Xurado
O xurado, que tivo que deliberar entre cinco propostas de excepcional calidade técnica e gran potencial, estivo composto por Manuel Francisco González Penedo, Vicedecano de Relacións Institucionais da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Antonio Mosquera González, director da ETSE da Universidade de Santiago de Compostela, Enrique Barreiro, director da ESEI da Universidade de Vigo, Xavier Castaño socio da empresa IGALIA e Miguel Bouzada, vicepresidente da Asociación Cultural Trasno e dous representantes da Amtega.
V Edición
Este premio, que vai pola súa V edición, foi creado no 2007 pola empresa galega Igalia, tras detectar unha importante carencia de profesionais especializados neste área.
Desde a Axencia de Modernización, que convocaba o premio este ano por primeira vez, búscase darlle un novo pulo á convocatoria integrando nel aos distintos axentes do ecosistema do software libre galego seguindo a mesma estratexia global e integradora transversal a todas as actuacións do seu Plan de Software Libre. Así ademais de co patrocinio da empresa Igalia e da Asociación Cultural Proxecto Trasno, contouse coa participación e colaboración das tres universidades galegas, de AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.
Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.