A Axencia para a Modernización Tecnolóxica comeza a funcionar cun orzamento de máis de 58 millóns de euros e 17 obxectivos estratéxicos en 2012

Venres 09 de Marzo de 2012

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica comeza a funcionar cun orzamento de máis de 58 millóns de euros e 17 obxectivos estratéxicos en 2012

A AMTEGA integra nesta primeira fase o 49% do orzamento tecnolóxico e o 16% do persoal TIC da Xunta

Consolida un modelo de xestión única para prestar mellores servizos, máis eficaces e con menor custe

Permitirá aforrar 20 millóns de euros anuais derivados da supresión 15 departamentos administrativos e do aforro do 40% do espazo

Entre os obxectivos da Axencia para 2012 están o encendido do CPDI, o lanzamento da última liña do Plan de Banda Larga, avanzar na modernización da Administración consolidando a sede e o rexistro electrónico e a posta en marcha dun Programa de impulso ao sector TIC

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) entrou hoxe en funcionamento cun plan de acción que abrangue a posta en marcha  e a consolidación de 17 proxectos tecnolóxicos para conseguir unha comunidade vertebrada dixitalmente, unha administración eficiente, e a dinamización económica de Galicia co sector TIC como elemento tractor.

A creación da Amtega, que unificará baixo unha mesma dirección todos os recursos materiais e orzamentarios implicados nas políticas tecnolóxicas da Xunta, permitirá un  modelo de xestión das TIC integrado para prestar mellores servizos, máis eficaces e con menor custe, evitando duplicidades administrativas e establecendo un planteamento de traballo por obxectivos.

Así o explicou esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, tras a celebración da sesión constitutiva da Axencia, presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Tres fases de integración
Mar Pereira, que será nomeada directora da Axencia no próximo Consello da Xunta detallou as fases de integración na Axencia dos diferentes departamentos autonómicos. O orzamento de partida da Amtega é de 58 millóns de euros, o 49% do orzamento TIC da Administración autonómica ao integrar, nesta primeira fase, o presuposto TIC da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e das cinco Secretarías Xerais da Presidencia. Desde hoxe incorpóranse á Amtega o persoal TIC destes departamentos, equivalente ao 16% de toda a Xunta.

A finais de ano a Axencia terá xa integradas seis consellerías, o que suporá preto do 68% do orzamento tecnolóxico da Xunta e máis do 50% do persoal TIC. A incorporación das áreas sanitarias e económica completarase a partir de 2013 integrando en total  a 558 tecnológos de toda Administración e o 100% do orzamento TIC.

Eficiencia
A creación da Axencia permitirá suprimir polo menos 15 departamentos administrativos con competencias duplicadas e acadar un aforro de espazo do 40% e de custos do 20%, é dicir, 20 millóns de euros anuais. Ademais, a Axencia posibilitará a redución de entre o 25% e o 30% os custos de adquisición de sistemas e infraestruturas tecnolóxicas en tres anos; o gasto de persoal nun 23% nesta lexislatura e un 50% dos custos na coordinación de proxectos no 2014.

A  creación da AMTEGA xunto coa a posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral, este verán, posibilitará redución de arredor do 30% do gasto tecnolóxico da Administración autonómica. Esta optimización do gasto permitirá reinvertir en proxectos TIC innovadores no sector público galego.

Obxectivos 2012 
A Axencia entra en funcionamento que establece 17 obxectivos estratéxicos agrupados en tres áreas de actuación, en liña co establecido na Axenda Dixital de Galicia: impulsar a vertebración territorial e a cohesión social coa extensión de infraestruturas de telecomunicación; acadar unha administración eficiente coa integración das TIC en todos os eidos administrativos; e contribuír a dinamización económica co sector TIC como elemento tractor.

Vertebración Territorial 
Mar Pereira explicou que un os fitos deste área é a aprobación da primeira Lei para o impulso e ordenación das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia e completar a posta en marcha de todas as liñas do Plan de Banda Larga co lanzamento da  solución satelital.

En setembro comezará o despregamento da rede dixital de Emerxencias, para unha mellor coordinación de todos os efectivos de emerxencias de Galicia e neste ano aprobarase tamén o Plan Sectorial de Retegal, que regularizará as infraestruturas de telecomunicacións desta entidade pública.

Administración eficiente
Un dos compromisos deste área é a que a finais de ano 2012 o 95% dos novos procedementos e o 50% do total dos procedementos do Sector Público se presenten de xeito telemático na sede electrónica da Xunta. Ademais, porase en marcha o rexistro electrónico único para a recepción e emisión por vía electrónica da documentación que os cidadáns presenten agora nos diferentes rexistros da Xunta e dos concellos. A posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral no verán será clave para a prestación destes servizos, xestionando desde unha única plataforma tecnolóxica de altas prestacións todos os servizos dixitais da Xunta.

Dentro do programa Kronos entrará en funcionamento o modelo de xestión de flexibilidade horaria para os empregados públicos e continuarase dotando a este colectivo da tarxeta con identidade dixital. A través do Plan Senda completarase a dixitalización das salas de vistas e  no ámbito educativo, o proxecto Abalar chegará este ano a 44.500 alumnos.

Dinamización económica 
No mes de abril presentarse o Programa para o Impulso e Fortalecemento do Sector TIC galego co obxectivo de consolidalo como un sector competitivo, innovador e xerador de emprego. Ao longo do ao habilitarase no Centro Demostrador TIC, una ferramenta que permita a calquera empresa levar a cabo un test de Autodiagnóstico TIC que lle axude a definir o seu grao de madurez dixital.  Ademais, ese mesmo mes presentarase, co apoio económico da Xunta. candidatura puntogal para establecer este dominio en internet.