A Axencia para a Modernización Tecnolóxica asina un convenio co Foro CPP-TIC para buscar novas fórmulas que incentiven o investimento privado en proxectos tecnolóxicos

Xoves 05 de Xullo de 2012

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica asina un convenio co Foro CPP-TIC para buscar novas fórmulas que incentiven o investimento privado en proxectos tecnolóxicos

O obxectivo é contribuír á expansión de modelos de modernización, eficiencia e control do gasto na Administración a través das TIC

O acordo permitirá a difusión de casos de éxitos no eido da colaboración público privada que se desenvolveron noutras administracións públicas nacionais e europeas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Foro para a Colaboración entre o Sector Público e o Privado no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (Foro CPP_TIC) asinaron un convenio para buscar novas fórmulas que incentiven o investimento privado en proxectos tecnolóxicos. O obxectivo é atopar, no contexto económico actual, novas formas de financiamento para poder desenvolver iniciativas TIC que redunden nun uso máis eficiente dos recursos económicos e na mellora continua dos servizos a cidadáns e empresas.

O acordo establece que ambas entidades colaborarán na difusión de boas prácticas e casos de éxito deste modelo de cooperación público privada así como na realización de seminarios e xornadas formativas.

A primeira actividade conxunta, ao abeiro deste acordo, celebrouse hoxe en Santiago cunha xornada informativa dirixida aos responsables de contratación e xestión económica das diferentes consellerías e departamentos autonómicos, na que se explicaron os procesos, aspectos e características do modelo de contratación público privada no eido das TIC.

A colaboración público privada está consolidada noutros sectores e áreas de actividade como as infraestruturas pero no está tan estendida no ámbito das TIC. Desde o Foro CPP consideran que no eido tecnolóxico esta fórmula ten un potencial moi amplo para o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos.

Obxectivos do Foro

O obxectivo do Foro CPP-TIC é mellorar as infraestruturas tecnolóxicas do país, fomentando a colaboración entre as diferentes Administracións públicas e as principais empresas TIC. Para conseguilo o Foro serve de cauce de comunicación ás AAPP e as empresas innovadoras interesadas na colaboración público privada.

Segundo un estudo presentado polo Foro recentemente as administracións públicas poderían recuperar máis de 3.500 millóns de euros de investimento no acumulado dos vindeiros cinco anos con fórmulas de colaboración público privada.

Sinalan desde o Foro que o investimento TIC no sector público español se reduciu nun 58% desde 2008 e que a previsión, no contexto económico actual, é que siga diminuíndo nos vindeiros anos. Por iso apostan pola colaboración publico privada neste ámbito para poder atender a demanda de infraestruturas e equipamento que requiren as demandas das sociedade da información e conseguir obxectivos de aforro, optimización de recursos e mellora dos servizos para cidadáns e empresas.