A Axencia para a Modernización Tecnolóxica anima á Comunidade GNOME a continuar co seu proxecto de Software Libre

Xoves 26 de Xullo de 2012

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica anima á Comunidade GNOME a continuar co seu proxecto de Software Libre

O director da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da Amtega inaugurou esta mañá a Conferencia Guadec 2012, que aborda os principais avances deste software de escritorio libre

A Xunta está a empregar esta solución de software libre en dúas das iniciativas tecnolóxicas de maior calado, o Proxecto educativo Abalar e a Rede de aulas CeMIT

A Conferencia Guadec 2012 é o evento anual máis importante para o desenvolvemento deste proxecto de software libre que se iniciou hai quince anos

O director da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Adrián Lence, felicitou hoxe á Comunidade GNOME polo esforzo que ven realizando nos últimos 15 anos “para que a sociedade teña dispoñible un escritorio totalmente libre, amigable e sinxelo de empregar”.

Lence inaugurou esta mañá na Coruña a Conferencia Guadec 2012, o evento anual máis importante sobre esta tecnoloxía, que reúne durante sete días a 250 expertos en software libre de todo o mundo. O director da Área de Infraestruturas animou á Comunidade GNOME a continuar co traballo iniciado hai 15 anos  e que permitiu que a día de hoxe esta tecnoloxía estea dispoñible en 50 idiomas, incluído o galego.

O responsable da área de Telecomunicacións da Amtega indicou que GNOME é un exemplo “magnífico das virtudes do software libre”. Por esta razón recordou a Xunta o está a empregar en dúas das iniciativas tecnolóxicas de maior calado como o Proxecto Abalar, que en setembro chegará a 44.000 alumnos e a Rede de Aulas para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT), que conta con máis de 14.000 usuarios.

Guadec 2012

Durante os sete días da Conferencia Guadec  2012 máis de 250 desenvolvedores, tradutores e usuarios do GNOME van presentar os principais avances do proxecto e traballarán nas liñas de desenvolvemento futuras.

A Conferencia Guadec,que vai pola súa decimoterceira edición, está organizada pola Asociación de Software Libre GPUL e a GENOME Foundation, en colaboración coa Universidade da Coruña.

O proxecto GNOME, iniciado en 1997 polos mexicanos Miguel de Icaza e Federico Mena, conta con centos de desenvolvedores e millóns de usuarios en todo o mundo e busca facilitar o acceso á tecnoloxía proporcionando unha alternativa aos software propietario.