A aula móbil da Xunta e Movistar chega a Ponteareas, onde o Plan de Banda Larga achegou internet a case 11.000 veciños da comarca sen cobertura

Luns 23 de Abril de 2012

A aula móbil da Xunta e Movistar chega a Ponteareas, onde o Plan de Banda Larga achegou internet a case 11.000 veciños da comarca sen cobertura

As actuacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia permitiron pasar en dous anos dun 69% a máis dun 94% da poboación do Condado con posibilidade conexión á rede

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou esta mañá o Roadshow Movistar Galicia, que desde hai varias semanas percorre diversos municipios de toda a comunidade autónoma

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá en Ponteareas o Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego. No acto estivo acompañada polo alcalde do municipio, Salvador González, así como polo o director de Administracións Públicas de Telefónica no Territorio Norte, Manuel Alonso.

Esta iniciativa, froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Movistar, céntrase nos municipios aos que o teleoperador e o Plan de Banda Larga da Xunta xa posibilitaron a conexión á rede.

O máximo representante do Goberno galego en Pontevedra destacou a importancia de informar aos cidadáns dos avances na súa localidade do Plan de Banda Larga, impulsado desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e de fomentar o uso de Internet, “divulgando as vantaxes que proporciona no día a día tanto para os propios veciños como para as empresas”. “O acceso á banda larga de calidade permite aos galegos extraer o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías como dinamizadoras económicas e xeradoras de competitividade e innovación nos diferentes sectores produtivos”, apuntou Cores Tourís.

O delegado territorial destacou a importancia de informar “a pé de rúa” ao cidadán dos avances do Plan de Banda Larga na súa localidade e tamén de xerar demanda de uso “informando das vantaxes que internet lle pode proporcionar a cidadáns e empresas no día a día”. Cores Tourís lembrou que o Plan está a cumprir obxectivos reducindo a fenda dixital en Galicia e proporcionando en menos de dous anos cobertura a máis de 460.000 galegos que carecían de conexión a Internet, o que supón diminuir en preto dun 60% a poboación sen cobertura na Comunidade.

No caso de Ponteareas, indicou o delegado territorial, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a máis de 3.000 habitantes que carecían de conexión a Internet, o que supón o máis do 97% da poboación do municipio. Hai dous anos a cifra roldaba o 82% e as previsións do departamento autonómico é que esta se incremente á práctica totalidade da poboación a finais de 2013. A porcentaxe restante cubrirase vía satélite.

Na comarca do Condado, na actualidade, cerca de 30.000 persoas contan con conexión á rede. Grazas ao Plan, a poboación con cobertura pasou dun 69% a preto dun 94,30%. A previsión é que ao remate do próximo ano esta porcentaxe supere o 98%, cubríndose o resto vía satélite.

Pola súa banda, o director de Administracións Públicas de Telefónica no Territorio Norte, Manuel Alonso, afirmou que este Roadshow é un "exemplo máis do compromiso de Telefónica para levar a Internet a toda Galicia, despregando infraestruturas modernas e eficientes, e agora mostrando tamén aos seus potenciais usuarios que o acceso a Rede pode facilitar moitas xestións cotiás da xente, mesmo das persoas maiores, que en principio poden ser máis remisas ás novas tecnoloxías”.

No Roadshow Movistar Galicia os veciños da localidade poderán aprender a través de distintas demostracións como levar a cabo unha compra online, solicitar unha cita médica, facer uso da sede electrónica da Xunta, realizar trámites coa Administración ou consultar todo tipo de información dispoñible na rede. A aprendizaxe realízase de maneira gratuíta a través dos 18 postos con ordenador cos que conta a aula móbil e está guiada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.

O obxectivo desta actuación do Plan, adxudicada a Telefónica en setembro pasado, é dotar de acceso á rede a máis de 11.300 núcleos do rural galego de aquí a 2013, beneficiando a preto de 250.000 persoas. Para o seu despregamento, Telefónica utiliza a tecnoloxía 3 G-UMTS na banda de 9MHz, con gran capacidade de propagación en zonas cunha orografía complexa e capaz de alcanzar velocidades de ata 7 megas.

O autobús do Roadshow Movistar Galicia chegou a Ponteareas despois de percorrer outros municipios de diversas provincias galegas. No periplo que realizará por toda Galicia ata o 13 de maio, visitará outras localidades pontevedresas, así estará a partir de mañá en Tomiño e a partir do venres en O Rosal. O luns 30 chegará a Vilaboa e o sábado 5 comezará a percorrer o Deza Tabeirós, facendo parada en Rodeiro, Silleda e Lalín.

O Plan reduciu en máis da metade os galegos sen cobertura na Comunidade
A día de hoxe, grazas ás accións do Plan de Banda Larga son xa máis de 460.000 os galegos que poden acceder a internet e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitiu que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegase a preto do 90% de media fronte ao 70% existente en 2009.