A aula CeMit de Lugo celebra mañá a segunda xornada formativa en software libre para os axentes TIC

Luns 19 de Setembro de 2011

A aula CeMit de Lugo celebra mañá a segunda xornada formativa en software libre para os axentes TIC

Co obxectivo de que os profesionais que xestionan as aulas coñezan en profundidade este tipo de software e contribúan á súa difusión entre a cidadanía

Celebraranse nas aulas de Ourense e Vigo o 21 e 22 de setembro

A rede CeMIT estase a equipar con sistemas operativos, solucións e ferramentas informáticas baseadas en software libre e fontes abertas (FLOSS)

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción Floss que desenvolve a Secretaría Xeral de Modernización para impulsar o uso e difusión do software libre

A aula CeMIT de Lugo acolle mañá, martes 20, a segunda unhas xornadas formativas provinciais sobre software libre dirixidas aos axentes TIC, os profesionais que se ocupan das 94 aulas que integran a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT).

A rede CeMIT estase a equipar con sistemas operativos, solucións e ferramentas informáticas baseadas en software libre e fontes abertas (FLOSS), colaborando así tamén na súa difusión. Esta iniciativa alíñase coa política de promoción, difusión e fomento da utilización de tecnoloxías baseadas en software libre que está a levar a cabo a Secretaría Xeral de Modernización e Inclusión Tecnolóxica a través o Plan de Acción FLOSS.

A difusión das tecnoloxías FLOSS que está a levar a cabo a rede CeMIT require tamén da capacitación dos Axentes TIC no eido do software libre. Con este obxectivo celebraranse no mes de setembro catro xornadas provinciais de introdución ao Software Libre cuxos principais obxectivos son, ver e comprender os aspectos diferenciais das aplicacións Software Libre e software propietario e proporcionar unha visión persoal das aplicacións de Software Libre e o seu posible uso no entorno laboral, en concreto no ámbito laboral dos responsables das aulas CeMIT.

Aínda que esta proposta está dirixida aos responsables das aulas CeMIT para que se introduzan no mundo do software libre, o curso tamén está enfocado a todas aquelas persoas que desexen adquirir información no uso do software libre baixo o sistema operativo Linux.

Contido da xornada
A xornada estrutúrase en tres partes, cunha introdución sobre como executar, cambiar e estudar, e distribuír copias de documentos en software libre con ou sen cambios. Na primeira parte darase a coñecer o sistema operativo, o seu ámbito de escritorio e o explorador de arquivos do sistema.

Na segunda abordarase a personalización e administración do sistema operativo e o traballo coas principais aplicacións da distribución e na terceira trataranse outras aplicacións de Software Libre.

Este curso que conta cun horario único de 10 a 14 horas organízase en catro xornadas provinciais de cara a achegar a formación ao maior número de axentes posibles. Xúntase listado de datas e lugares das xornadas:

- Día 19 na aula CeMIT de SANTIAGO DE COMPOSTELA 
Aula Centro Multimedia de Galicia 
Rúa Hórreo 61-2º

- Día 20 na aula CeMIT de LUGO 
Centro Social Lamas de Prado 
Praza do Castiñeiro, s/n

- Día 21 na aula CeMIT de OURENSE 
Avda. Progreso 44

- Día 22 na aula CeMIT de VIGO 
Rúa Oporto, 1

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Oficina CeMIT a través do seguinte correo electrónico formacion-cemit@xunta.es, ou ben a través do teléfono 981 957 136.

Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) configurase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar o emprego das TIC de cara a fomentar a empregabilidade, a competitividade empresarial, a eInclusión, o Benestar e o pulo da eAdministración. Esta iniciativa vai dirixida á consolidación dunha comunidade galega competente tecnolóxicamente que poida acceder en condicións igualitarias aos contidos e servizos dixitais da Sociedade da Información.