A ATRIGA cederá información tributaria á deputación da Coruña por vía telemática para aforrar trámites os cidadáns
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, e o presidente da Deputación da Coruña asinaron hoxe un acordo de colaboración nesta materia
O organismo provincial obterá directamente da ATRIGA toda aquela información de tipo económico que precise, sen ter que pedirlla ao contribuínte
A colaboración entre ambas administracións traducirase nun funcionamento máis áxil, máis eficaz e menos burocrático, proporcionando maior fiabilidade á resolución de expedientes
Este convenio é o segundo destas características que asina a Axencia Tributaria de Galicia coas institucións provinciais galegas
A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) cederá información tributaria á Deputación da Coruña a través de procedementos telemáticos, de forma que o organismo provincial poderá acceder a esta documentación sen necesidade de pedirlla aos cidadáns. Isto permitirá axilizar os procedementos de resolución de expedientes e dotalos de maior fiabilidade.
Así o establece o convenio de colaboración asinado hoxe na Coruña pola conselleira de Facenda e presidenta da ATRIGA, Elena Muñoz Fonteriz, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo. No acto de sinatura tamén estivo presente o director da ATRIGA, Ulpiano Villanueva.
A través deste convenio, a Deputación da Coruña poderá obter directamente da ATRIGA toda aquela información de tipo económico que precise para a concesión de subvencións, axudas ou para efectuar todo tipo de contratación con particulares sen necesidade de que os cidadáns teñan que reunila e achegala pola súa conta.
Por exemplo, a institución provincial recibirá da Axencia Tributaria de Galicia cada vez que o solicite o certificado de que unha entidade ou un contribuínte coruñés está ao corrente dos pagos coa Administración autonómica.
O acordo subscrito hoxe é o segundo destas características que impulsa a Axencia Tributaria de Galicia coas deputacións. Xa o asinou en Pontevedra a pasada semana, e o obxectivo da Consellería de Facenda é estendelo nas vindeiras semanas ao resto dos organismos provinciais.
Funcionamento menos burocrático e máis áxil
Este convenio enmárcase na liña de actuación seguida pola Administración autonómica de facilitar a realización de xestións e trámites burocráticos a todos os cidadáns. Trátase en todo caso de acadar un funcionamento máis áxil, máis eficaz e, na medida do posible, menos burocrático.
Neste sentido, a colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e as deputacións provinciais garante a seguridade e a fiabilidade máxima dos datos obtidos a través de medios telemáticos.
A Consellería de Facenda foi xa pioneira no impulso da e-administración e en ofrecer servizos electrónicos para facilitar a realización de trámites a través de internet, ampliando prestacións e mellorando así as relacións entre Administración e cidadáns. Neste sentido, Elena Muñoz Fonteriz lembrou que dende 2003 xa é posible a presentación e o pago telemático de impostos autonómicos.