A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación e Axencia para a Modernización Tecnoloxica presentan unha Guía para a implantación do Fogar Dixital
É un un documento-marco que contén toda a información precisa en termos técnicos e económicos sobre a implantación do Fogar Dixital e que servirá de referencia a todos os sectores involucrados no seu desenvolvemento
O Fogar Dixital está dotado de servizos avanzados que melloran a calidade de vida dos cidadáns e que son posibles grazas á utilización das novas tecnoloxías
Permitirá o acceso no domicilio a prestacións como a asistencia sanitaria, a seguridade con vixilancia en tempo real, o confort baseado no aforro e a eficiencia enerxética ou a mellora da oferta de lecer e entretemento
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) presentarán o vindeiro luns 15 de outubro na Cidade da Cultura a Guía práctica para a implantación do Fogar e o Edificio Dixital, un documento de referencia no desenvolvemento das infraestruturas TIC necesarias para soportar acceso aos novos servizos tecnolóxicos que posibilita a Sociedade da Información.
Tras a inauguración que correrá a cargo da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, Mar Pereira e do presidente da Asociación, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, terá lugar unha xornada técnico-formativa que se desenvolverá ao longo da mañá, e na que estarán presentes os principais prescriptores técnicos do fogar dixital (enxeñeiros de telecomunicación, instaladores, arquitectos, construtores, etcétera) dos 315 concellos galegos e das entidades máis representativas neste eido.
O manual, que foi elaborado por un grupo de traballo especializado e multidisciplinar integrado por enxeñeiros de telecomunicación de diferentes perfís, seleccionado e coordinado pola AETG en colaboración coa AMTEGA, será entregado en formato dixital a todos os asistentes.
A “Guía práctica para a implantación do Fogar e o Edificio Dixital”, é un documento-marco que contén toda a información precisa en termos técnicos e económicos sobre a implantación do Fogar Dixital, e que servirá de referencia a todos os sectores involucrados no seu desenvolvemento, desde promotores a arquitectos, construtores, instaladores ou técnicos municipais entre outros.
O fogar dixital constitúe unha panca importante para o aumento da calidade de vida da cidadanía e o achegamento dos servizos públicos ao fogar, e tamén un motor claro para a dinamización e o desenvolvemento do sector tecnolóxico de Galicia, que se encontra actualmente ante unha gran ventá de oportunidade.