A aplicación móbil do Camiño de Santiago da Xunta xa está dispoñible para dispositivos IOS

Martes 07 de Xuño de 2016

A aplicación móbil do Camiño de Santiago da Xunta xa está dispoñible para dispositivos IOS

Esta app, unha das iniciativas do proxecto Smart Camiño da Amtega e Turismo de Galicia, rexistrou nun mes máis de 400 descargas no sistema operativo Android

Ofrece aos peregrinos información en tempo real de cada unha das rutas oficiais do Camiño de Santiago desde a súa entrada en Galicia

Está dispoñible en galego, español e inglés e a maior parte das súas funcións poden empregarse offline

A aplicación móbil do Camiño de Santiago da Xunta está dispoñible desde hoxe para dispositivos con sistema operativo IOS. A app, unha das iniciativas do proxecto Smart Camiño que desenvolven a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e Turismo de Galicia, publicouse hai un mes en Google Play, rexistrando preto de 450 descargas.

A aplicación ofrece información sobre todas as rutas oficiais do Camiño de Santiago desde a súa entrada en Galicia: Camiño Francés, Ruta Fisterra-Muxía, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Inglés,Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, e Camiño de Inverno.

Os peregrinos dispoñen, así, en tempo real, de toda a información que necesiten en cada momento sobre os trazados oficiais das rutas xacobeas, a Rede Pública de Albergues coas súas características, horarios, localización, teléfono e fotografías; información sobre os eventos culturais -festas, concertos, talleres, etc- así como información detallada de todos os recursos turísticos -descrición, localización e imaxes-.

Ademais, a plataforma dixital conta cun servizo de realidade aumentada que permite, a través da cámara do móbil, visualizar todos os puntos de interese situados nas proximidades.

Así mesmo, os peregrinos poderán consultar nela onde comer, onde aloxarse e que visitar en cada un dos tramos do Camiño, coñecendo a ampla oferta dos establecementos turísticos cos que conta. Ademais, a aplicación permitiralles coñecer información meteorolóxica –ofrecida por Meteogalicia- así como datos de contacto e dirección dos centros de saúde e emerxencias.

No apartado ‘Meu diario’, os peregrinos poden gardar os momentos máis importantes do Camiño, a través de notas de texto e fotografías, para posteriormente, a través da funcionalidade do portal ‘A miña experiencia’ crear o seu propio libro dixital.

A aplicación está dispoñible nos idiomas galego, español e inglés e a maior parte das súas funcións poden ser empregadas sen necesidade de cobertura no móbil.

Aposta polas novas tecnoloxías
O desenvolvemento desta aplicación constitúe unha mostra máis da aposta da Xunta de Galicia pola incorporación da innovación, a calidade e a competitividade no sector turístico.

Esta aposta está reflectida no Plan Integral de Turismo de Galicia que dedica unha das súas oito liñas estratéxicas ao fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente.

No marco do Smart Camiño, Turismo de Galicia e a Amtega puxeron xa en marcha numerosas iniciativas para o impulso de melloras na xestión e na innovación nos procesos de articulación, promoción, comercialización e xestión do principal produto turístico da nosa comunidade, o Camiño de Santiago.

Así, a Rede Pública de Albergues do Camiño conta xa con rede wifi gratuíta nun 84% -porcentaxe que acadará o 100% nos vindeiros meses- e a Ruta Xacobea conta xa cunha páxina web específica,caminodesantiago.gal, con toda a información necesaria para emprender a aventura que supón facer o Camiño.