A aplicación ‘Mobem’ para facer xestións co Servizo Público de Emprego desde o móbil incorpora un sistema de notificacións

Martes 01 de Abril de 2014

A aplicación ‘Mobem’ para facer xestións co Servizo Público de Emprego desde o móbil incorpora un sistema de notificacións

A Xunta vén de actualizar esta ferramenta cunha nova versión, que inclúe parte das achegas dos usuarios

Os cidadáns poden desde agora recibir nos seus móbiles unha notificación cada vez que teña lugar un evento do seu interese

A aplicación vén de recibir o premio ‘TIC nos Servizos Públicos de Emprego 2014’ da Fundación Socinfo

Desde a súa posta en marcha o ano pasado, Mobem xa tivo máis de 10.000 descargas e a través da aplicación xa se realizaron máis de 3.600 renovacións da demanda de emprego e se comunicaron 1.200 citas de orientación, entre outras actuacións

Os galegos poden consultar en tempo real se se atopan seleccionados para unha oferta laboral ou para un curso de formación

A Xunta de Galicia vén de actualizar a aplicación Mobem, que permite realizar aos galegos e galegas xestións co Servizo Público de Emprego desde o móbil. Desde agora esta ferramenta recolle as achegas dos usuarios e, deste xeito, incorpora un sistema de notificacións, polo que os cidadáns poderán recibir nas súas terminais unha notificación cada vez que ocorra un evento que poida ser do seu interese. A nova versión de Mobem estará dispoñible tanto para as plataformas Android, como para IOS, RIM e Windows Phone.

Esta aplicación vén de recibir, ademais, o premio ‘TIC nos Servizos Públicos de Emprego 2014’ da Fundación Socinfo e a revista ‘Sociedade da Información’. Precisamente, hoxe a Xunta recolleu este galardón.

Desde a súa posta en marcha en xullo do ano pasado, esta aplicación pioneira en Galicia xa tivo máis de 10.000 descargas. Ata o de agora, ademais, xa se realizaron máis de 3.600 renovacións da demanda de emprego, comunicáronse 1.200 citas de orientación, máis de 300 comunicacións de cursos de formación e preto de 9.700 comunicacións para dispoñibilidade de ofertas. En total, rexistráronse desde a súa posta en marcha máis de 49.100 accesos.

Mobem é a primeira aplicación de Galicia que permite á cidadanía facer diferentes xestións co Servizo Público de Emprego grazas á iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

En concreto, ofrece aos cidadáns diferentes vantaxes como é a posibilidade de que poidan renovar a súa demanda de emprego desde móbil. Ademais, e, entre outras actuacións, os galegos poden consultar en tempo real se son convocados a unha cita para a orientación laboral; se foron seleccionados para participar nun curso de formación; o se, por exemplo, se atopan entre os candidatos dunha oferta laboral.

Mobem está dispoñible para sistemas operativos IOS (equipos Apple), Android, RIM (Blackberry) e WindowsPhone. Isto quere dicir que é posible descargar esta aplicación nas “tendas” oficiais de Google Play, iTunes, e tamén en Blackberry Word e WindowsMarket. O acceso a Mobem realízase empregando o mesmo usuario e contrasinal que no portal de emprego. No caso de non dispor de usuario e contrasinal ou telo esquecido, os cidadáns poden dirixirse á súa oficina de emprego que lle remitan estes ao seu correo electrónico.

Esta actuación forma parte do Plan integral de modernización do SPEG que a Consellería de Traballo e Benestar está a realizar desde o 2009 e que supuxo na pasada lexislatura un investimento de 24 millóns. Mobem tamén se enmarca no Plan de Modernización da Administración Autonómica, , que desenvolve a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, para achegar os servizos públicos aos cidadáns e acadar unha verdadeira Administración electrónica aberta as 24 horas do día os 365 días do ano.