A aplicación MeteoRoute xa está dispoñible para o sistema operativo Android

Martes 05 de Novembro de 2013

A aplicación MeteoRoute xa está dispoñible para o sistema operativo Android

Esta ferramenta permite consultar a predición meteorolóxica para rutas de sendeirismo e viaxes en coche, barco ou bicicleta

O usuario planifica a súa viaxe indicando a orixe e fin e tamén seleccionando os lugares de paso sobre o mapa na pantalla

Preto de 900 persoas descargaron a aplicación desde a súa posta en marcha en agosto

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través de Meteogalicia, veñen de lanzar a aplicación MeteoRoute para o sistema operativo Android.

Esta ferramenta, que xa se puxo en marcha o pasado mes de agosto para teléfonos con sistema operativo IOS, permite planificar unha viaxe ou unha ruta a pé, coche, bicicleta ou barco en base á predición meteorolóxica do percorrido que o usuario determine.

Con Meteoroute, os usuarios poden crear as rutas indicando a orixe e fin e seleccionando os lugares de paso sobre o mapa na pantalla. Ademais, poden importar rutas xa existentes dende ficheiros ou empregar percorridos habituais gardados como favoritos e que cada vez que se consultan amosan a predición actualizada.

Unha vez seleccionada a ruta, a aplicación achega a predición detallada para cada punto da ruta. Ademais, o usuario pode seleccionar a hora de inicio da ruta comodamente e a aplicación calcula automáticamente as horas de paso polos seguintes lugares. No caso das rutas en barco, dito calculo faise indicando a velocidade media deste.

Desde a súa posta en marcha preto de 900 persoas descargaron Meteoroute nos seus dispositivos móbiles.

Actualización de MeteoSIX
Por outra banda, vense de actualizar a aplicación MeteoSIX, adaptándoa ao sistema IOS7, ampliando os puntos de consulta e mellorando o seu rendemento.

MeteoSIX Mobile é unha aplicación para dispositivos con sistema operativo Android e iOS que permite aos usuarios consultar a predición meteorolóxica e oceanográfica proporcionada por MeteoGalicia e tamén ofrece información sobre as mareas e as horas de saída e posta do sol. MeteoSiX Mobile está operativa desde xullo de 2012 e conta con máis de 9.500 usuarios.

Máis información e descargaMeteoRoute