A aplicación informática dos xulgados galegos modificarase esta semana de cara á futura implantación da nova Oficina Xudicial

Domingo 02 de Maio de 2010

A aplicación informática dos xulgados galegos modificarase esta semana de cara á futura implantación da nova Oficina Xudicial

A posta en marcha da nova aplicación supón un importante despregue técnico para a actualización do sistema, que afecta a 50 instalacións en sedes xudiciais e a 2.000 usuarios do sistema.

O vindeiro día 4 de Maio entra en vigor a reforma procesual que define á Nova Oficina Xudicial (NOX) como elemento clave no proceso iniciado de reforma e modernización da Administración de Xustiza. Unha das primeiras actuacións é facer un cambio de versión da aplicación de xestión procesal Minerva, que se denomina Minerva NOX e que soporta os novos esquemas de tramitación.

A posta en marcha da nova aplicación supón un importante despregue técnico para a actualización do sistema, que afecta a 50 instalacións en sedes xudiciais e a 2.000 usuarios do sistema. O proceso de cambio estase a realizar durante esta fin de semana, ata o martes ás 8.00 horas, que é a data de entrada en funcionamento de Minerva-NOX, para todos os órganos xudiciais de Galicia de forma simultánea.

As actividades técnicas e comprobacións para o correcto despregamento de Minerva NOX implican realizar unha parada do sistema Minerva, pero o resto de servizos e aplicacións funcionarán con total normalidade. Durante este período poranse á disposición dos funcionarios xudiciais os documentos de tramitación máis habituais para que a partir do día 4 se copien dentro de Minerva NOX, co que se garante a continuidade da actividade xudicial.

Adicionalmente ao despregue técnico para o proceso de migración, tense establecido un servizo especial de soporte para os traballadores do ámbito xudicial, que resolverá as dúbidas e incidencias que se poidan presentar e que permanecerá operativo durante os días seguintes á entrada en funcionamento da nova versión.