A Amtega selecciona as 10 aulas da rede CeMIT nas que se pon en marcha o proxecto CeMIT-Innova
Os centros de Abegondo, Padrón, San Sadurniño, Eirís (A Coruña), Vimianzo, Boiro, Oroso, A Estrada, Verín e Sarreaus impulsarán ata outubro iniciativas sociais baseadas nas TIC para dar resposta ás necesidades da súa contorna.
Ao remate deste período elaborarase unha Guía metodolóxica cos resultados da avaliación dos proxectos, que facilitará a súa extensión ás aulas que o desexen.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con Fundetec vén de seleccionar os 10 centros piloto da rede CeMIT que participarán no proxecto de Innovación Social Dixital, CeMIT-Innova. Este proxecto busca resolver retos locais ligados á educación, á saúde ou ao emprego, entre outros, a través de iniciativas cunha base tecnolóxica deseñadas polos cidadáns e axentes locais.
Ata o vindeiro mes de outubro, as aulas CeMIT de Abegondo, Padrón, San Sadurniño, Eirís (A Coruña), Vimianzo, Boiro, Oroso, A Estrada, Verín e Sarreaus, converteranse en espazos de encontro para a análise das necesidades sociais da contorna, e xunto coa cidadanía e os colaboradores dixitais do territorio, establecer os mecanismos para a súa resposta a partir dun proxecto de Innovación Social Dixital.
Para iso, as aulas e os seus responsables contarán con ferramentas tecnolóxicas para o traballo colaborativo (Comunidade Google +, foro de debate para a conversación virtual, ferramenta ‘Hangout’ e páxina web do proxecto), ademais do acompañamento de expertos, que lles axudarán no deseño e posta en marcha dos proxectos. Todo iso a partir dun enfoque de traballo en rede que facilite a compartición de ideas e solucións entre as aulas e os implicados nos proxectos de Innovación Social Dixital en cada territorio.
Unha vez concluído o período dos traballos do proxecto CeMITInnova, no mes de outubro, os seus resultados servirán para a elaboración dunha Guía metodolóxica cos resultados da avaliación das iniciativas e un manual uso das principais ferramentas colaborativas do proxecto. Esta publicación facilitará a a extensión destas solucións ás aulas que estean interesadas en empregalas.
Os proxectos
A elección das aulas levouse a cabo entre as 20 solicitudes presentadas, que debían incluír unha proposta de proxecto de Innovación Social Dixital, e ter participado no ‘Encontro CeMIT-Innova, unha xornada para a Innovación Social Dixital’, celebrado en Santiago o pasado 24 de marzo.
As propostas presentadas polas aulas seleccionadas para a súa participación no proxecto foron:
Aula CeMIT de VERÍN : VERÍN HACKLAB, UN LABORATORIO DESDE O QUE IMPULSAR USOS SOCIAIS DA TECNOLOXÍA NUNHA CONTORNA LÚDICA
"Verín Hacklab" pretende ser un espazo físico de encontro, debate, aprendizaxe e difusión sobre diferentes usos sociais da tecnoloxía.
Aula CeMIT de SARREAUS: APP PARA AGRICULTORES
Parten da idea de desenvolver unha aplicación móbil, que facilite aos agricultores locais tanto tarefas básicas de xestión, como o acceso a información de interese. Está focalizaa en atender as necesidades dun sector ata agora fose do grupo de usuarios ‘habituais’ da Rede CeMIT.
Aula CeMIT A ESTRADA: EMPRENDIMIENTO E INTERMEDIACIÓN LABORAL
Desde A Estrada preséntase unha proposta dirixida a dinamizar e promover proxectos emprendedores.
Aula CeMIT de VIMIANZO: POSTA EN VALOR DA ARQUEOGASTRONOMÍA DE VIMIANZO EN INTERNET
Coa súa proposta, buscan a participación cidadá e a implicación de diferentes colectivos, para despregar toda unha estratexia de márketing e posicionamento na Rede, que poña en valor o patrimonio histórico e etnolóxico de Vimianzo, reforzando o impulso turístico do seu atractivo local.
Aula CeMIT de BOIRO: PLATAFORMA DE COMUNICACIÓN E INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO/CULTURAL DIRIXIDA A EMIGRANTES
Con esta proposta, a aula de Boiro pretende abordar a necesidade social de comunicación con persoas emigrantes, conformando unha rede de contactos que permita o intercambio cultural e lingüístico.
Aula CeMIT de OROSO: MELLORA DA EMPLEABILIDAD DOS VECIÑOS DE OROSO
Proposta está dirixida a implementar – en estreita colaboración con desempregados, empresas e entidades locais – itinerarios formativos personalizados, sesións de mentorización para a mellora da empregabilidade e convenios coas empresas locais para impulsar prácticas laborais en contornas reais.
Aula CeMIT de PADRÓN: SISTEMA DE AUTENTICACIÓN ALTERNATIVO PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL
A aula CeMIT de Padrón proponse traballar no desenvolvemento dun sistema alternativo de autenticación aplicado ao uso do equipamento informático das Aulas da Rede CeMIT, dirixido a persoas con discapacidade intelectual, promovendo a accesibilidade e usabilidade no acceso deste colectivo aos recursos e servizos que a Rede ofrece.
Aula CeMIT de ABEGONDO: PROMOCIONA ABEGONDO
Neste caso, desde a aula de Abegondo, preséntase unha proposta dirixida a abordar o concepto de ‘marca’ local, a través da participación cidadá, facéndolles partícipes da promoción turística do concello.
Aula CeMIT de SAN SADURNIÑO: TEÑO UNHA GRANXA EN SAN SADURNIÑO
Desde a aula CeMIT de San Sadurniño proponse abordar o reto social da posta en valor do coñecemento e experiencia dos nosos maiores a través da tecnoloxía. Valores, consellos, tradicións, transmitidas agora da man dos nosos maiores, a través de modernas tecnoloxías, que servirán para poñer en valor o municipio, o medio rural, o traballo no campo e a oportunidade que esta contorna aínda representa.
Aula CeMIT A Coruña: Eirís e BPMGG. INNOVACIÓN DIXITAL PARA A INCLUSION SOCIAL
Unha aposta conxunta, desenvolvida polas dúas Aulas CeMIT da Coruña (Eirís e a Bibilioteca Pública BPMGG) para abordar a procura de novas propostas metodolóxicas na alfabetización dixital e inserción sociolaboral de persoas en risco de exclusión.