A Amtega publica hoxe na súa canle de Facebook os cinco vídeos finalistas do concurso `Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020`
Ata o 19 de decembro estará aberto o prazo para votar a través de www.facebook.com/amtega, no apartado "Curtas Finalistas ADG2020”.
O premio consistirá nunha tablet para cada alumno responsable do vídeo máis votado e unha minitablet para cada un dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado mediante o sistema ’gústame’ do Facebook da Amtega.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar hoxe os cinco vídeos finalistas do concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’. Ata o 19 de decembro calquera internauta pode votar o vídeo que considere que mellor representa o futuro de Galicia a través das novas tecnoloxías en www.facebook.com/amtega, dentro do apartado "Curtas Finalistas ADG2020”. Os vídeos gañadores serán os dous que máis “gústame” obteñan dentro do apartado.
O certame “Curtas co Móbil”, dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou Bacharelato de Galicia, de entre 14 e 18 anos é unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a futura estratexia tecnolóxica global da Xunta.
Máis de 40 curtas de toda Galicia
Presentáronse un total de 44 curtas de 16 centros educativos das catro provincias galegas, realizados por mozos e mozas en grupos dun máximo de 5 persoas. Os participantes amosan a súa destreza cinematográfica nun vídeo dun máximo de 3 minutos de duración no que relatan como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro. Os vídeos presentados tamén se poden ver na canle de facebook da Amtega no apartado “Curtas ADG”.
Os vídeos recibidos foron valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Novas Tecnoloxías, formado por 2 representantes da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), 1 representante de la Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de ESO/Bacharelato, que preseleccionou cinco vídeos finalistas.
O premio consistirá nunha tablet para cada alumno responsable do vídeo máis votado e unha minitablet para cada un dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado. Ambos os dous vídeos serán publicados como gañadores no Blog XenteDixital (blog.adg2020.es/) e en facebook (www.facebook.com/amtega).
Participación na elaboración da ADG 2020
O concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’ forma parte da campaña para a participación cidadá no proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020 levada a cabo dende a Amtega.
A nova folla de ruta en materia tecnolóxica presentarase no primeiro trimestre de 2015 e estase a elaborar en base a un modelo de intelixencia colectiva, contando coas achegas das institucións públicas, axentes sociais e económicos e da sociedade galega.