A Amtega presenta o vindeiro 2 de xuño o programa AceleraTIC de impulso á transformación dixital das pemes galegas

Martes 31 de Maio de 2016

A Amtega presenta o vindeiro 2 de xuño o programa AceleraTIC de impulso á transformación dixital das pemes galegas

A iniciativa abrangue diferentes actividades divulgativas e un programa formativo específico dirixido a directivos, impartido pola Escola de Negocios AFundación

Os responsables de pemes interesados en participar nel xa poden preinscribirse ata o 6 de xuño a través da Web, do mail ou do teléfono do CDTIC

AceleraTIC arranca este xoves cun relatorio do profesor de Economía Dixital na IESE Pablo Foncillas e coa intervención das empresas ABanca, Viñacosteira, Kaleido Logistics e minevera.es, que exporán o seu proceso de dixitalización

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha o Programa “AceleraTIC, pensa en futuro, actúa en dixital” para facilitar a transformación dixital das pemes galegas. O programa, integrado nas actividades do Centro Demostrador TIC da Amtega, abrangue diferentes xornadas formativas e prácticas e un programa específico para directivos e xerentes de empresas galegas, que se desenvolverá en colaboración coa Escola de Negocios de AFundación.

Todas as pemes interesadas en coñecer a iniciativa están convidadas á xornada inaugural de AceleraTIC que ten lugar este xoves 2 de xuño e nela falarase de “Novos mercados, novos clientes, novos paradigmas”. O encontro contará coa participación de Pablo Foncillas, profesor de Economía Dixital na IESE, que vén de renovar o seu primeiro posto na clasificación mundial de escolas de formación de directivos publicado polo Financial Times. A xornada completarse coa intervención das empresas ABanca, Viñacosteira, Kaleido Logistics e minevera.es, que compartirán cos asistentes a súa experiencia no proceso de dixitalización dos seus negocios.

Para asistir a esta xornada é preciso inscribirse a través da páxina web do CDTIC,https://cdtic.xunta.gal/presentacion-acelera-tic, no correo electrónico cdtic@xunta.gal ou no teléfono 881 995 200.

Programa específico para directivos
A iniciativa contempla o Programa Formativo AceleraTIC para a Transformación Dixital da Peme (https://cdtic.xunta.gal/programa-formativo-aceleratic) dirixido a directivos e xerentes de empresas, que a Amtega desenvolve en colaboración coa Escola de Negocios AFundación.

O obxectivo do programa formativo é contribuír a crear un perfil directivo que manexe o dixital desde un punto de vista estratéxico, isto é, que coñeza o contorno dixital, adquira as habilidades necesarias para entender que valor pode achegar a tecnoloxía ao seu negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.

O programa comezará o vindeiro 9 de xuño e estenderase ao longo de seis xornadas formativas impartidas por diversos expertos. Trataranse temas como a estratexia de negocio para a nova contorna dixital, o marketing dixital para pemes, o comercio electrónico, o Big Data & Business Intelligence para o control da xestión empresarial, as ferramentas de medición e análise para a estratexia dixital e a transformación e xestión do cambio na organización.

As prazas para participar neste programa formativo son limitadas, polo xa está aberto un proceso de preinscrición que permanecerá aberto ata o luns 6 de xuño. A preinscrición pode realizarse a través da Web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/programa-formativo-aceleratic), no correo electrónico cdtic@xunta.gal ou no teléfono 881 995 200.

De entre as solicitudes recibidas a Amtega seleccionará a 25 directivos para cada unha das xornadas formativas. Aqueles directivos que completen todas as xornadas formativas, recibirán o título “Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa” outorgado pola Escola de Negocios Afundación.

Experiencias en primeira persoa
“AceleraTIC, pensa en futuro, actúa en dixital” complétase con accións de divulgación, como un ciclo de entrevistas a empresas de diversos sectores de Galicia que asumiron procesos de transformación dixital no seu negocio.

Por último, os profesionais e traballadores das empresa galegas atoparán no programa AceleraTIC un completo calendario de seminarios de curta duración e eminentemente prácticos, para sacarlles o máximo rendemento ás solucións tecnolóxicas existentes.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda o resto dos sectores empresariais galegos.

O CDTIC é unha iniciativa promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a entidade pública empresarial Red.es, adscrita ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, e cofinanciada con fondos FEDER.