A Amtega presenta o primeiro catálogo específico de solucións e provedores tecnolóxicos galegos para o sector téxtil

Mércores 20 de Marzo de 2013

A Amtega presenta o primeiro catálogo específico de solucións e provedores tecnolóxicos galegos para o sector téxtil

A primeira edición de ModaTIC.gal ofrece información sobre máis de 40 empresas e 70 servizos e aplicacións TIC galegos dirixidos ao sector

É unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica que contou coa colaboración das asociacións TIC galegas e do Clúster Téxtil Moda

A presentación desta guía enmárcase na I Semana TIC adicada ao Séctor Téxtil que se celebra ata o venres 22 en Santiago de Compostela

O catálogo ModaTIC.gal é unha guía que nace co obxectivo de ofrecer unha ferramenta, única ata o momento, onde as empresas do téxtil poden atopar solucións tecnolóxicas específicas para o seu sector e información dos diversos actores que conforman parte do ecosistema tecnolóxico en Galicia.

A primeira edición de ModaTIC.gal, que se presentou hoxe durante a inauguración da I Semana TIC adicada ao sector Téxtil, ofrece cunha mostra representativa do ecosistema tecnolóxico en Galicia especializado no Téxtil composto,a día de hoxe, por 5 axentes de innovación e 40 empresas TIC que ofrecen máis de 70 solucións e servizos tecnolóxicos.

Máis do 40% dos produtos tecnolóxicos incluídos no catálogo eran descoñecidos para o sector, preto do 34% foro valorados como solucións potencialmente interesantes e un 23% corresponden a aplicacións ou servizos coñecidos e demandados. Así se desprende da análise que realizou o Clúster Téxtil Moda sobre o contido desta guía, que xa se pode descargar en PDF na web do CDTIC http://cdtic.xunta.es ou consultar en liña no Mapa TIC Gal, seleccionando o sector Téxtil.

A oferta tecnolóxica recollida no Catálogo ModaTIC.gal realizouse en colaboración coas diferentes asociacións tecnolóxicas galegas, Agasol, Agestic, Cluster TIC, Eganet e Ineo, así como da plataforma tecnolóxica, Vindeira. Tomouse como punto de partida o MapaTIC.gal (http://cdtic.xunta.es/mapatic/), que na actualidade conta con máis de 200 provedores TIC galegos e máis 500 solucións.

Estrutura

Os empresarios do sector téxtil atoparán no catálogo unha relación de provedores de tecnoloxía galegos, cunha descrición da súa actividade como empresa, ademais dos datos de contacto (teléfono, correo-e, web,..).

As solucións tecnolóxicas están agrupadas baixo catro epígrafes: "Solucións de Xestión Empresarial", "Comercio Electrónico", "Solucións de trazabilidade do produto e xestión loxísitca" e "Solucións baseadas en mobilidade". En cada un destes apartados hai unha descrición funcional da solución ou servizo, un rango de prezo e empresas reais que teñen implantado o aplicativo.

Ademais, ModaTic.gal recolle unha relación de axudas e incentivos autonómicos, nacionais e europeos, onde as empresas do téxtil poden atopar subvencións, fondos aos que recorrer como axuda nun proxecto de implantación das TIC nas súa empresa.

I Semana TIC adicada ao sector Téxtil

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) xunto co Clúster Téxtil-Moda Galicia (COINTEGA) celebran ata o venres 22 de marzo no Centro Demostrador TIC a I Semana Tecnolóxica adicada ao téxtil. Esta actividade, que conta coa colaboración de Red.es, está a ser un punto de encontro entre o sector tecnolóxico e as empresa galegas do sector téxtil para facilitar a transferencia de necesidades e solucións TIC.

Na xornada de hoxe, dirixida aos directivos e xerentes das empresas do téxtil e TIC, celebraranse con varias mesas de debate onde expertos TIC especializados no Téxtil darán resposta ás necesidades e retos en áreas clave da cadea de valor do sector obxectivo, como pode ser a xestión, os puntos de venda ou a loxística.

Na sesión de mañá, Red.es organiza o taller “Vendes en Internet?” que abordará como xestionar un negocio na Internet, desde como crear unha marca e sacar o máximo partido ás redes sociais e á web 2.0, a como organizar a loxística do negocio online, sen esquecer a fiscalidade ou normativa pola que se rexe o e-Commerce.

Este taller poderá seguirse o a través de videoconferencia nas aulas CeMIT da Coruña, Ortigueira, Padrón, Pontedeume, Celanova, Lalín, Ponteareas e Pontevedra.

O contido do día 22 de marzo está orientado a demostracións prácticas e encontros empresariais TIC e Téxtil, onde os responsables de informática e xefes de departamento TIC das empresas do téxtil poderán coñecer de forma práctica como funcionan algunhas solucións tecnolóxicas recollidas no catálogo ModaTIC.gal.

Ademais, poderase seguir e interactuar cos relatores e participantes mediante o uso en Twitter do hashtag ou etiqueta #ModaTICgal (https://twitter.com/#ModaTICgal), ou mandando unha mensaxe a través do Facebook da iMit.

A asistencia a todas as actividades é de balde, condicionada aos aforos dos locais, previa inscrición nos diversos canais habilitados e que poderán consultar na páxina web do CDTIC (http://cdtic.xunta.es).