A Amtega presenta o 7 de marzo a III edición do programa CeMIT-Innova, baixo o lema ‘facendo que as cousas ocorran’
O encontro está dirixido aos concellos, axentes TIC das aulas CeMIT, persoal técnico de entidades de acción social, empresas e a calquera persoa ou organización interesada no ámbito da innovación social dixital
Terá lugar no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura entre as 9:30 e a 13:00
CeMIT-Innova, promovido pola Amtega dentro do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsa proxectos colaborativos de base tecnolóxica a través da rede de aulas CeMIT
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra o vindeiro 7 de marzo, en horario de 9:30 a 13:00 horas, no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a presentación da terceira edición do Programa CeMIT-Innova.
Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, impulsa proxectos colaborativos de base tecnolóxica a través da rede de aulas CeMIT para superar desafíos sociais da contorna local. O programa, que fomenta a innovación social dixital, está dirixido aos concellos, axentes TIC das aulas CeMIT, persoal técnico de entidades de acción social, empresas e a calquera persoa ou organización interesada nos temas de innovación social dixital. A asistencia é de balde e poderá formalizarse a través da web de CeMIT.
O obxectivo da xornada é detallar os obxectivos da terceira edición do programa na que, unha vez máis, abrirase a porta á participación dos 92 municipios que contan con 98 aulas CeMIT, e aos seus aliados dixitais locais, ferramentas fundamentais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.
Programa da Xornada
O encontro, que será inaugurado pola directora da Amtega, Mar Pereira e o presidente da Fegamp, Alfredo García, comezará coa proxección dun vídeo que resumirá as experiencias desenvolvidas durante os anos anteriores contadas polos seus protagonistas, con proxectos en ámbitos tan distintos como:a inclusión; o fomento da igualdade de oportunidades para todas as persoas; a dinamización de novos espazos e vocacións tecnolóxicas entre os máis novos; a riqueza económica e cultural das zonas rurais e a mellora da empregabilidade das persoas.
A continuación, celebrarase unha mesa de experiencias, compartida entre os Concellos de Ourense, A Bola e Pontedeume, os cales exporán todo o proceso de desenvolvemento dos seus proxectos de innovación social dixital locais durante o pasado ano. Con estes exemplos achegarase aos asistentes ao concepto de Innovación Social Dixital e convidarase á participación a través de novos proxectos piloto a desenvolver ao longo do 2017.
O Programa da xornada completarase coa participación como relator de Juan Freire, experto en Innovación cidadá e cultura dixital, co-fundador de varias empresas e actualmente, colaborador activo en varios proxectos empresariais, relacionados coa aprendizaxe o emprendemento, a tecnoloxía e o pensamento crítico e creativo. Ao longo da súa traxectoria profesional foi director de innovación do grupo Barrabés e socio fundador de Barrabés Next.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar, a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.