A Amtega pon en marcha o proxecto CeMIT-Innova para impulsar a innovación social dixital na comunidade

Martes 24 de Marzo de 2015

A Amtega pon en marcha o proxecto CeMIT-Innova para impulsar a innovación social dixital na comunidade

Ao longo do ano 10 aulas da rede CeMIT impulsarán iniciativas sociais baseadas nas TIC para dar resposta a necesidades da súa contorna.

A cidadanía e os axentes locais participarán na detección dos retos e no deseño das posibles solucións coordinados polos responsables das aulas.

Elaborarase unha Guía metodolóxica cos resultados da avaliación dos proxectos, que facilitará a súa extensión ás aulas que o desexen.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con Fundetec, presentou hoxe en Santiago o proxecto “CeMIT-Innova: Fomento da innovación social dixital” no marco dunha xornada formativa para os axentes implicados.

No encontro, inaugurado pola directora da Amtega, Mar Pereira, explicóuselles aos responsables das aulas CeMIT os obxectivos e as fases desta iniciativa, que busca sentar as bases para a implantación en Galicia da Innovación Social Dixital co soporte da Rede de Aulas CeMIT.

Mar Pereira sinalou que as aulas serán o epicentro da iniciativa, xa que serán lugares de diálogo e debate cidadán no que analizar necesidades e propoñer solucións.

A directora da Amtega lembrou que a innovación social dixital busca empregar a tecnoloxía para resolver retos locais ligados á educación á saúde, ao emprego, e en definitiva ao benestar da cidadanía. Son solucións e proxectos sociais, que teñen as TIC de base e que son deseñados polos seus protagonistas: cidadáns e axentes locais que detectan as necesidades máis inmediatas da súa contorna e formulan posibles solucións.

Fases do Proxecto
Tras a xornada de hoxe crearase unha comunidade virtual na que os responsables das aulas poderán compartir experiencias e formular proxectos concretos de innovación social, que servirán para seleccionar as 10 aulas que participarán no piloto.

Na segunda fase, as aulas seleccionadas realizarán talleres de traballo locais para detección de necesidades sociais da súa contorna que se poidan resolver con proxectos de Innovación Social Dixital A terceira fase será a da aplicación das solucións definidas no ámbito local, a medición de resultados e a súa avaliación.

O seguinte paso será a elaboración dunha Guía metodolóxica cos resultados da avaliación dos proxectos en 2015, e un manual de uso das principais ferramentas colaborativas do proxecto. Esta publicación facilitará a extensión destas solucións ás aulas que estean interesadas en empregalas.

Durante o desenvolvemento do proxecto os responsables das aulas CeMIT seleccionadas contarán con acompañamento e asesoramento dun mentor experto en Innovación Social que servirá de apoio ás tarefas de detección, análise, deseño, posta en práctica e avaliación dos seus proxectos de Innovación Social Dixital.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Desde a súa posta en marcha, hai catro anos, a Rede leva impartidas máis de 144.000 horas de formación e conta con máis de 42.000 usuarios rexistrados.