A AMTEGA pon en marcha o blog Xente Dixital, un espazo para achegar as vantaxes da tecnoloxía a todo o mundo dun xeito ameno e sinxelo

Domingo 23 de Xuño de 2013

A AMTEGA pon en marcha o blog Xente Dixital, un espazo para achegar as vantaxes da tecnoloxía a todo o mundo dun xeito ameno e sinxelo

XD é un punto de encontro para que os “analóxicos” se animen a ser “dixitais” e todos coñezan as iniciativas TIC ao seu alcance na Comunidade

É un espazo para difundir, compartir coñecementos e consellos prácticos sobre a tecnoloxía

Está accesible desde http://blogs.xunta.es/xentedixital/

Xa está en marcha XD, Xente Dixital, un espazo sobre as vantaxes que a tecnoloxía achega a vida cotiá, dirixido a todo o mundo e aberto á colaboración e ás achegas dos internautas. Xente Dixital é unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para difundir e compartir coñecementos e consellos prácticos sobre a tecnoloxía.

O blog, accesible desde http://blogs.xunta.es/xentedixital/ estrutúrase en torno a seis seccións fixas, Actualidade, Cursos, Guías Prácticas, ¿sabías que...?, Casos de éxito e “XD a fondo”. Cada semana abordarase un tema en profundidade, desde distintas perspectivas e sempre dun xeito ameno e accesible a todo tipo de públicos. Vídeos, fotos e experiencias en primeira persoa acompañarán estas informacións da sección de Actualidade.

Información, experiencias prácticas e curiosidades 
Desde o espazo “Cursos”, ofrecerase toda a información sobre a actividade formativa da Rede de Aulas CeMIT principalmente pero tamén doutras actividades sobre formación dixital de interese. Desde "Guías prácticas" ofrécense manuais de uso sobre aplicacións TIC e a sección “¿Sabías Qué...?” ofrece pílulas informativas sobre cuestións curiosas do eido tecnolóxico.

“Guías prácticas” acolle pequenos titoriais, consellos e experiencias prácticas para que a navegación pola rede sexa aínda mellor. Esta sección nace con vocación participativa, de maneira que sexan os propios usuarios os que ensinen aos internautas como e de que maneira utilizan a rede para sacar o mellor proveito dela.

A través de “XD a fondo” analízanse pormenorizadamente diversos temas de actualidade que permitirán achegar conceptos, actuacións e mesmo explicacións sobre tecnoloxía nunha linguaxe que todo o mundo poida entender, afastada de tecnicismos. 
A sección “Casos de éxito”, está destinada a persoas ou empresas non TIC que estean a destacar ou mellorar grazas a incorporación da tecnoloxía.

Espazo para o debate
Xente Dixital é dende hoxe unha fiestra aberta aos internautas e, por iso, nace con vocación de foro no que debater sobre tecnoloxía e nutrirse da suxerencias e experiencias de todos os que se asomen a ela.

Por iso, a través da súa presenza nas redes sociais, XD invita a participar e compartir coñecementos, así como a recibir todo tipo de comentarios e suxerencias, para o que se habilitou unha caixa de correo na que todas as aportacións dos cidadáns na rede son benvidas.