A Amtega pon en marcha en outubro un programa de comunicación comercial para empresas do sector tecnolóxico
O obxectivo é profesionalizar a figura do “consultor-comercial TIC”, facilitándolle as ferramentas que lle permitan mellorar as súas vendas
Os asistentes recibirán formación sobre como realizar exposicións en público, comunicación verbal e non verbal, técnicas de peche comercial ou como fidelizar aos clientes
O programa, que remata en decembro, tivo unha excelente acollida entre as pequenas e medianas empresas TIC galegas que esgotaron as prazas ofertadas
O vindeiro 2 de outubro comeza no Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC) o Programa de Training Comercial “Comunicación Comercial no Sector TIC”, que a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha dentro das iniciativas de apoio ao tecido empresarial tecnolóxico da Comunidade.
O programa estrutúrase entorno a 12 sesións formativas que versarán sobre diversas temáticas que van desde a comunicación relacional, exposicións en público, comunicación verbal e non verbal, como estruturar os procesos de prevenda e venda, técnicas de peche comercial ou como fidelizar aos clientes.
O obxectivo final é que os profesionais que participen melloren a súa metodoloxía de venda, a súa capacidade de expoñer en público así como a súa habilidade de adaptar a linguaxe en función das necesidades do cliente.
Todos os profesionais que participan no Programa contarán con asesoramentos individualizados para unha mellor adaptación das técnicas e ferramentas de comunicación ás necesidades específicas do seu negocio.
Por último, e para por en práctica as habilidades adquiridas durante o seminario, as empresas participantes presentarán un dos seus produtos ou servizos no CDTIC a un público que será potencial cliente do mesmo.
A demanda entre as pequenas e medianas empresas TIC galegas superou nun 100% as prazas ofertadas para participar neste Programa, o que da conta da excelente acollida da iniciativa entre o tecido empresarial TIC de Galicia.
Centro Demostrador TIC, o escaparate tecnolóxico de Galicia
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos.
Segundo o balance do ano 2012 un 30% das empresas que presentaron un produto ou servizo tecnolóxico no Centro Demostrador TIC de Galicia lograron pechar unha venda entre os profesionais asistentes a sesión demostradora. O indicador ascende ao 41% no caso das empresas TIC que recibiron solicitudes para a elaboración de orzamentos.
Estes indicadores xunto coa posta en marcha de iniciativas como o Programa de Training Comercial “Comunicación Comercial no sector TIC” poñen de manifesto que o Centro está na senda axeitada de cara a cumprir cos seus obxectivos en canto a súa contribución a xerar negocio TIC e a achegar a oferta tecnolóxica de Galicia a posibles demandantes da mesma.