A AMTEGA pon en marcha a iniciativa de capacitación tecnolóxica "Faite Dixit@l" con máis de 140 actividades ata decembro e un concurso de aplicacións móbiles

Sábado 30 de Agosto de 2014

A AMTEGA pon en marcha a iniciativa de capacitación tecnolóxica "Faite Dixit@l" con máis de 140 actividades ata decembro e un concurso de aplicacións móbiles

Achega aos participantes ferramentas e coñecementos para a configuración de dispositivos móbiles, programación de aplicacións, estratexias de márketing online e uso da identidade dixital e servizos telemáticos das administracións.
As propostas para o concurso poden presentarse ata o 28 de novembro.
Contempla actividades complementarias como seminarios de expertos, casos de éxito e presentacións “PechaKucha”.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración con Academia Postal e Fundetec, puxo en marcha en setembro a iniciativa Faite Dixit@l, un itinerario de capacitación tecnolóxica orientado a ofrecer aos participantes ferramentas e coñecementos que favorezan a empregabilidade, o emprendemento e a adquisición de novas competencias dixitais. Faite dixit@l está aberto a todo mundo e contempla máis de 140 actividades gratuítas ata o mes de decembro e 1.800 prazas.

Actividades
O itinerario, ofrece como actividades centrais bloques temáticos sobre a configuración de dispositivos móbiles e a programación de aplicacións; sobre ferramentas web 2.0 para o desenvolvemento de contidos especializados no eido da sociedade da información e sobre estratexias de marketing online e a súa aplicación no eido do comercio electrónico e de vendas por internet. Outros módulos máis orientados a obter o máximo proveito das TIC son os que se centran no uso da identidade dixital e dos servizos electrónicos das administracións públicas.

Cada unha destas actividades terá unha duración entre 25 e 30 horas, repartidas en sesións diarias de 4 horas a través do sistema de videoconferencia do que dispoñen as aulas CeMIT, e que contarán con edicións de mañá ou tarde para favorecer a asistencia dos interesados.
Os contidos destas actividades están específicamente deseñados para o proxecto e os usuarios terán a súa disposición asesoramento para avaliar a súa evolución. Os interesados en sumarse á Faite Dixit@l poderán inscribirse a partir do martes nove de setembro nas aulas da Rede Cemit e a través da web, www.cemit.xunta.es, onde atoparán a información desta iniciativa, dispoñible tamén a través dos canais de Faite Dixital en Facebook e Twitter.

Ademais, Faite Dixit@l ofrece actividades complementarias como seminarios de expertos a través da fórmula “PechaKucha”, presentacións creativas de curta duración sobre experiencias no eido das TIC así como casos de éxito e seminarios de mentores dixitais e o o concurso de aplicacións móbiles.

Estas actividades, estanse a realizar a través da Rede de Aulas CeMIT que coordina a Amtega e que conta con 98 centros en 92 concellos. Para ampliar o seu alcance territorial Faite Dixit@l conta coa colaboración dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDRs) e da Asociación de Redeiras de Galicia, que axudarán a difundir a iniciativa e a ampliar o alcance destas actividades de xeito presencial naquelas localidades sen aulas CeMIT.

Concurso
O concurso de aplicacións móbiles de Faite Dixit@l busca recoñecer a creatividade na elaboración de ferramentas tecnolóxicas que melloren a dispoñibilidade de recursos para a cidadanía e fomentar o uso da tecnoloxía de código aberto.

O concurso está aberto á participación de persoas físicas maiores de 18 anos, e a persoas autónomas, galegos ou con residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, que deseñen e desenvolvan unha aplicación para uso en smartphone -en linguaxe compatible –creada a partir de software libre- nos ámbitos educativo, social ou cultural, de lecer, deporte ou turismo. Ata o próximo 28 de novembro estará aberto o prazo de presentación das aplicacións, que se poderá realizar seguindo as instrucións publicadas na páxina web www.faitedixital.es.

O xurado, que se dará a coñecer antes do veredicto a través da web www.faitedixital.es, terá en conta para elixir o gañador do concurso a orixinalidade e innovación da aplicación, a súa usabilidade, o uso integrado doutros dispositivos do terminal (cámara, gps,...), a solidez técnica da aplicación, a satisfacción a través do seu uso dunha necesidade social vinculada á materia elixida e a reutilización da información pública do portal Open Data da Xunta de Galicia, Abert@s.

Premio
O gañador do concurso recibirá un computador portátil profesional Hewlett-Packard 2-en-1 convertible en tablet, cedido por Hewlett-Packard. Ademais, a criterio do xurado, serán entregados catro diplomas para recoñecer a calidade e utilidade das aplicacións presentadas: Negocio (mellor perspectiva de negocio dunha aplicación), Valor Social (maior utilidade dunha aplicación para a sociedade), Deseño (mellor deseño dunha aplicación) e Usabilidade (mellor uso e máis sinxelo manexo).

As aplicacións galardoadas daranse a coñecer durante un evento o próximo mes de decembro, no que, ademais, levará a cabo a presentación pública da aplicación gañadora por parte do seu autor.

Incrementar a capacitación dixital da cidadanía, obxectivo da nova Axenda Dixital
Faite Dixit@l enmárcase nun dos obxectivos principais da nova Axenda Dixital de Galicia 2020 que se está a elaborar, a de incrementar a capacitación dixital das persoas, acadando a plena integración das TIC na práctica educativa e posibilitando a inclusión dixital de toda a cidadanía.

Este obxectivo busca avanzar nas liñas de actuación desenvolvidas ata agora pola primeira Axenda Dixital de Galicia 2014.gal que puxo en marcha iniciativas como Abalar no eido educativo e a rede de aulas CeMIt, chave nesta iniciativa. Unha rede que suma 98 aulas en 92 concellos, e que está presente nas 53 comarcas galegas. En tres anos leva impartidas máis de 123.000 horas de formación TIC gratuíta e conta con máis de 37.300 usuarios rexistrados. Ofrece cursos de alfabetización dixital para os colectivos con máis dificultades de acceso ás TIC e tamén formación especializada para profesionais.