A Amtega lanza en Youtube unha serie de vídeo-experiencias de empresas galegas que incorporaron solucións TIC aos seus modelos de negocio

Luns 08 de Agosto de 2016

A Amtega lanza en Youtube unha serie de vídeo-experiencias de empresas galegas que incorporaron solucións TIC aos seus modelos de negocio

TGM Toldos Gómez e SienteGalicia inician este ciclo, compartindo ás vantaxes de implantar nas súas organizacións sistemas de xestión integral empresarial e de xestión da relación cos clientes

A serie recolle a experiencia de 12 empresarios de diversos sectores que contan en primeira persoa o proceso e as vantaxes de integrar as TIC nas súas empresas

Os vídeos estarán accesibles tamén na sección de Experiencias TIC do Centro Demostrador TIC

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presenta hoxe unha nova serie de vídeo-experiencias, nas que 12 empresas galegas expoñen o proceso e as vantaxes de incorporar solucións tecnolóxicas nos seus modelos de negocio. A iniciativa enmárcase dentro das actuacións do Centro Demostrador TIC (CDTIC) e o obxectivo é impulsar o emprego do dixital e as TIC amosando diversos casos de éxito reais de empresas de Galicia.

Os vídeos iranse publicando progresivamente e desde hoxe xa están accesibles dúas das doce pezas que compoñen a serie. A primeira delas é sobre a experiencia coas TIC de SienteGalicia (https://www.youtube.com/watch?v=xocm-GKNblc), unha axencia de viaxes de venda exclusivamente por internet especializada na comercialización de escapadas, vacacións e experiencias de ocio, principalmente de Galicia, que está localizada en Lugo. A segunda, TGM Toldos Gómez (https://www.youtube.com/watch?v=oK6t-CY-tp4), é unha empresa dedicada á fabricación e venda de toldos, impresión dixital e rotulación, carpas e estruturas, e outras actividades relacionadas, radicada en Arzúa.

Xestores e directivos de pemes, os protagonistas

Os vídeos, accesibles desde a canle de YouTube da Amtega e na sección de Experiencias TIC do Centro Demostrador TIC (https://cdtic.xunta.gal/experiencias-tic), contan cun formato de entrevista breve e dinámica, na que se presenta unha solución TIC integrada de maneira satisfactoria e que favoreceu a mellora e o bo funcionamento do negocio.

As vídeo-experiencias teñen como protagonistas a xestores e persoal directivo de pequenas e medianas empresas galegas de diferentes sectores que contan en primeira persoa o seu caso e tamén a súas impresións respecto da importancia da tecnoloxía e do labor de difusión e formación do CDTIC entre as pemes.

Os entrevistados amosan os beneficios acadados e outros aspectos relacionados coas tecnoloxías dixitais empregadas na súa actividade empresarial cotiá; dende as vantaxes de empregar un software de xestión das relacións cos clientes (CRM) ata a mellora do negocio coa introdución de dispositivos móbiles integrados co programa de xestión da empresa.

A dixitalización empresarial é un dos retos da Axenda Dixital de Galicia 2020 e un reto inaprazable para as pemes; por unha parte, aumenta a eficiencia do sistema de xestión e do labor dos empregados e, por outra, cada vez máis clientes demandan servizos dixitais, sinxelos e rápidos. Mostrar e fomentar o emprego das novas tecnoloxías é a principal tarefa do CDTIC, polo que esta vez aposta por contido audiovisual e atractivo para dar a coñecer os beneficios e as vantaxes relacionados coa introdución de software e sistemas de xestión dixital no tecido empresarial.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.