A Amtega e os cluster TIC e do audiovisual galego abren o prazo de inscrición en “Dico Summit 2017”, o primeiro encontro internacional sobre contidos dixitais
O días 24 e 25 de xaneiro representantes de Technicolor e Nokia, entre outros, abordarán as oportunidades de negocio que ofrecen os contidos dixitais e o seu papel como dinamizadores de diferentes sectores económicos
Profesionais e emprendedores da área tecnolóxica e doutros sectores económicos, estudantes e calquera persoa interesada no mundo dixital poden formalizar a súa asistencia a través da web dicosummit.gal
DICO Summit ofrecerá tamén un Showroom coas últimas novidades tecnolóxicas aplicadas aos contidos dixitais e espazos de Networking
A inscrición ao evento DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, xa está aberta desde hoxe a través do enlace http://dicosummit.eventbrite.com. Os días 24 e 25 de xaneiro, a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia, reunirán na Cidade da Cultura a profesionais e representantes de empresas de referencia como Technicolor e Nokia, entre outros, para abordar as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos.
Ao longo de dúas xornadas, Dico Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por un lado, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.
Showroom, Networking e Concurso de ideas
Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.
A web da iniciativa, dicosummit.gal, irase actualizando coas novas sobre as entidades e profesionais que terán presenza no evento, que tamén se publicarán nas redes sociais das tres entidades organizadores. As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico info@dicosummit.gal.