A Amtega e o Igape organizan unha sesión informativa sobre o proceso de contratación de servizos para impulsar a empresa dixital e a Industria 4.0 nas pemes galegas ao abeiro do programa ReAcciona TIC
O encontro terá lugar o vindeiro 21 de abril ás 9.30 horas nas instalacións do Centro Demostrador TIC de Galicia e tamén se poderá seguir por streaming.
O obxectivo final da iniciativa é ofrecer un amplo catálogo de servizos para impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica do tecido empresarial de Galicia.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Igape organizan o vindeiro xoves, 21 de abril, unha sesión técnica de información sobre o proceso de contratación de servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de “Empresa Dixital” e “Industria 4.0” para a súa posterior realización en empresas galegas, no marco do programa ReAcciona TIC.
Neste encontro, que se celebrará no Centro Demostrador TIC a partir das 9.30 da mañá, as empresas licitantes poderán resolver dúbidas vinculadas co procedemento da licitación, os servizos a prestar, así como calquera aclaración que estimen pertinente para poder presentar as súas ofertas. A licitación, cuxo orzamento total ascende a máis de 2,3 millóns de euros, publicouse o pasado 23 de marzo na Plataforma de Contratación da Xunta de Galicia, e o prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 11 de maio de 2016.
Para asistir a esta sesión informativa, aberta ás empresas interesadas en licitar, será necesario reservar praza mediante o envío dun correo electrónico no que conste o nome da empresa, as persoas que van asistir (nome, DNI, cargo e enderezo de correo electrónico) e un teléfono de contacto a igape-competitividade@igape.es.
Do mesmo xeito, os que non poidan asistir á sesión poderán seguila a través de streaming na páxina web do CDTIC, cdtic.xunta.gal, e deberán indicalo no correo electrónico de reserva.
Servizos de Empresa Dixital e Industria 4.0
Os servizos obxecto do proceso de contratación clasifícanse en dous grupos. En primeiro lugar os servizos Empresa Dixital, orientados a promover a dixitalización empresarial, a adopción e despregamento de solucións en mobilidade, a implantación de solucións dixitais innovadoras para a mellora da xestión empresarial e a posta en marcha de estratexias de marketing dixital.
Por outra banda, os servizos orientados a Industria 4.0, prevén actuacións orientadas a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño.
Amtega e Igape colaboran a prol do crecemento económico de Galicia
Para a posta en marcha desta iniciativa o Igape e a Amtega asinaron un convenio de colaboración que posibilitará a implantación de proxectos de mellora da competitividade en ámbitos da empresa dixital e da Industria 4.0, mediante unha introdución efectiva das TIC na empresa. Deste xeito, prevese a posta en marcha preto de 400 proxectos de mellora previstos, que serán prestados ás pemes polos axentes colaboradores que resulten adxudicatarios deste procedemento de contratación.