A Amtega e o CPETIG colaboran na celebración da VI Xornada de Informática Xudicial

Xoves 12 de Maio de 2016

A Amtega e o CPETIG colaboran na celebración da VI Xornada de Informática Xudicial

Un ano máis o encontro porá á disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos.

O Colexio organizará, tamén, seminarios sobre seguridade informática e Scratch.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) colaborarán na celebración da VI Xornada de Informática Xudicial e Delitos informáticos, segundo se recolle no acordo asinado recentemente pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPETIG, Marcos Mata. O convenio contempla, ademais, accións formativas sobre Seguridade Informática e seminarios de Scratch.

Informática xudicial e delitos informáticos
O acordo posibilitará a celebración da VI edición da Xornada de Informática Xudicial, un punto de encontro periódico que permite reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial.

Un ano máis, a Xornada porá á disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais, etc.), relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación de casos concretos.

Tal e como ven ocorrendo nas anteriores edicións, estas Xornadas permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir.

Seminarios sobre seguridade informática e Scratch
O convenio prevé tamén a celebración dun seminario sobre seguridade informática para informar sobre os problemas emerxentes en seguridade, expondo distintas respostas alternativas e anticipando posibles resultados, que permitan seleccionar a resposta máis efectiva ante as ameazas de seguridade actuais.

O CPETIG tamén organizará catro seminarios de Scratch, un en cada capital de provincia, con diferentes actividades en torno a esta ferramenta informática, que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará ao Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia 34.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.