A Amtega e o CPETIG colaboran na celebración da V Xornada de Informática Xudicial
Un ano máis o encontro porá a disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos
O Colexio organizará, tamén, seminarios sobre protección de datos, e-administración e expediente electrónico, ademais do Scratch Day
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) colaborarán na celebración da V Xornada de Informática Xudicial, segundo se recolle no acordo asinado recentemente pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPETIG, Marcos Jaime Mata. O convenio contempla, ademais, accións formativas sobre protección de datos, eadministración e a celebración do Scratch Day.
Informática xudicial
O acordo posibilitará a celebración da V edición da Xornada de Informática Xudicial, un punto de encontro periódico que permite reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial.
Un ano máis, a Xornada porá á disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais, etc.), relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación de casos concretos.
Tal e como ven ocorrendo nas anteriores edicións, estas Xornadas permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir.
Seminarios sobre eAdministración e Scratch Day
O convenio prevé tamén a celebración de dous seminarios sobre protección de datos e e-administración para informar sobre os aspectos máis relevantes da normativa de protección de datos e da administración electrónica xudicial, así como dos beneficios da incorporación e o uso das novas tecnoloxías nos procesos xudiciais.
O CPETIG tamén organizará Scratch Day, unha xornada con diferentes actividades en torno a esta ferramenta informática, que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará ao Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia 34.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.