A Amtega e o Colexio de Arquitectos Técnicos da Coruña posibilitan aos concellos da provincia a consulta online dos visados

Domingo 16 de Febreiro de 2014

A Amtega e o Colexio de Arquitectos Técnicos da Coruña posibilitan aos concellos da provincia a consulta online dos visados

Os técnicos municipais só terán que solicitar un usuario e un contrasinal para acceder a través da web do Colexio á información xeral sobre os expedientes tramitados pola entidade

A Amtega pon á disposición dos concellos o acceso a este servizo desde www.eidolocal.es, o portal da Xunta para as entidades locais

Os concellos da provincia da Coruña xa poden consultar online os visados tramitados polo Colexio Oficial de Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación da Coruña (COAATIEAC), grazas a un convenio de colaboración asinado entre esta entidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Os concellos interesados en acceder a este servizo só teñen que solicitar ao Colexio un usuario e un contrasinal que lles permitirá consultar online, a través da web do Colexio, os diferentes tipos de expedientes tramitados pola entidade, desde proxectos, direccións de obra, legalizacións, coordinacións de seguridade e saúde, proxectos de actividade, informes, certificados ata taxacións ou peritacións. En 2012 o COAATIEAC tramitou máis de 6.600 expedientes.
O persoal do concello poderá consultar o tipo de trámite realizado, a data de tramitación, a dirección do expediente, orzamento e promotor. As consultas quedarán rexistradas, o que permitirá realizar un seguimento dos expedientes consultados e os motivos da consulta.

Esta medida facilita e axiliza o traballo dos técnicos municipais que poderán comprobar desde o seu posto de traballo a autenticidade e situación dos documentos entregados en papel polos cidadáns. Nos casos nos que a tramitación se tiverse realizado en formato dixital, este novo servizo permitirá ao persoal do Concello consultala e descargala en formato electrónico. O único requirimento é dispor de ordenador e conexión a Internet.

Eido local

A Amtega pon á disposición dos concellos o acceso a este servizo desde www.eidolocal.es, o portal de referencia para o acceso aos servizos que se prestan dende a Xunta de Galicia e en colaboración con outras entidades e organismos ás entidades locais.

Desde o portal tamén se difunde a iniciativa explicando en qué consiste o servizo e trasladando ao Colexio as consultas que formulen os usuarios sobre o servizo. Eido local ten rexistrados máis de 3.600 usuarios e unha media de 34.000 visitas mensuais no último ano.