A AMTEGA e a fundación Vodafone impulsan o uso dos smartphones e as tabletas entre as persoas maiores a través de rede CeMIT

Venres 23 de Febreiro de 2018

A AMTEGA e a fundación Vodafone impulsan o uso dos smartphones e as tabletas entre as persoas maiores a través de rede CeMIT

• Vinte localidades de Galicia con aula CeMIT ofertarán preto de 50 actividades para introducir ás persoas maiores no manexo das tabletas e dos smartphones

• Non é necesario dispor de terminal para poder acceder a estes cursos

• A actividade comeza o 26 de febreiro nas localidades de Brión, Boiro Carballedo e Santa Comba e continuará ao longo dos vindeiros meses nas catro provincias galegas

• Pódense consultar as datas e formalizar a inscrición, de balde, na páxina web de CeMIT

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Fundación Vodafone, pon en marcha preto de 40 actividades formativas en diversas localidades con aula CeMIT destinadas a introducir principalmente ás persoas maiores de 45 anos no manexo dos teléfonos móbiles “intelixentes” e das tabletas, así como nos seus diferentes usos e aplicacións.

Estas actividades, que comezan o luns 26 de febreiro, chegarán a un mínimo de 20 aulas da Rede que ofertan máis de 600 prazas libres e gratuítas distribuídas entre os meses de marzo a novembro. Cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos e de tabletas para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo.

As vantaxes que ofrece o uso destes terminais tecnolóxicos para as persoas maiores son innumerables en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia…), a posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV…), maior relación cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por Internet,…), un acceso máis rápido a información (noticias e prensa on-line…), aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, administración electrónica, m-saúde),  en calquera lugar e a calquera hora.

As aulas implicadas disporán, tamén, dunha serie de vídeo pílulas formativas breves e moi prácticas, que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.

As persoas interesadas na asistencia a estas iniciativas formativas poderán consultar as as datas de realización por localidades na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), onde tamén poderán atopar os datos de contacto de cada unha das aulas organizadoras para resolver ás dúbidas que poidan xurdir á hora de formalizar a súa inscrición

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en:
http://cemit.xunta.es/centros.

Fundación Vodafone

A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente. dos colectivos vulnerables. Participa en proxectos de innovación tecnolóxica nacionais e europeos, dirixidos a investigar novas aplicacións das comunicacións móbiles que faciliten a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos. Promove diversos programas de formación con diversas Universidades españolas dirixidos á investigación e a excelencia docente nas novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Outros obxectivos da Fundación son a difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións, cursos e seminarios. www.fundacionvodafone.es

 

 *Xúntase listado de localidades onde se desenvolverán estas actividades

 

Aula CeMIT de

Provincia

1

BETANZOS

Coruña, A

2

BOIRO

Coruña, A

3

BRIÓN

Coruña, A

4

CORUÑA, A

Coruña, A

5

FISTERRA

Coruña, A

6

OROSO

Coruña, A

7

PONTEDEUME

Coruña, A

8

PONTES, AS

Coruña, A

9

SAN SADURNIÑO

Coruña, A

10

SANTA COMBA

Coruña, A

11

BARREIROS

Lugo

12

CARBALLEDO

Lugo

13

FOZ

Lugo

14

QUIROGA

Lugo

15

RIBADEO

Lugo

16

CASTRO CALDELAS

Ourense

17

XUNQUEIRA AMBÍA

Ourense

18

CUNTIS

Pontevedra

19

MARÍN

Pontevedra

20

VALGA

Pontevedra