A Amtega e a Asociación Galega de Empresas de Software Libre presentan unha guía gratuíta de solucións TIC para autonómos

Sábado 21 de Setembro de 2013

A Amtega e a Asociación Galega de Empresas de Software Libre presentan unha guía gratuíta de solucións TIC para autonómos

Ofrece información didáctica sobre ferramentas tecnolóxicas de utilidade para poder xestionar, comunicar, organizar, difundir e vender en calquera ámbito de negocio

Os interesados en valorar ou implantar algunhas das solucións da guía contarán co asesoramento profesional personalizado de AGASOL

O obxectivo é achegar as TIC aos profesionais autónomos e ás micropemes a través de solucións de software libre que lles axuden a mellorar a súa actividade diaria

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), presentaron esta semana a Guía de solucións TIC en Software Libre para profesionais autónomos.

Trátase dun documento de consulta, elaborado por AGASOL, que ofrece un conxunto de materiais didácticos e información sobre ferramentas tecnolóxicas de utilidade para poder xestionar, comunicar, organizar, difundir, vender, etc. dun xeito áxil e eficiente en calquera ámbito negocio.

As preto de 150 páxinas da Guía están estruturadas en oito áreas temáticas: Ferramentas informáticas, Xestión do teléfono móbil, Presenza en internet (dominios, contas de correo, blogs), sinatura dixital, Mercadotecnia na rede, Redes sociais, Comercio electrónico,Libre Office.

O acceso á Guíe é totalmente aberto e gratuíto e está dispoñible para a súa consulta e descarga nas seguintes webs do CDTIC (http://cdtic.xunta.es), AGASOL (www.agasol.org), mancomún, (www.mancomun.org) FEAGA (http://feaga.org/).

Ademais, os profesionais interesados en valorar ou implantar algunhas das ferramentas da guía contarán co asesoramento personalizado que ofrece AGASOL, en colaboración co Centro Demostrador TIC, a través do correo soporte@agasol.org e do teléfono, 881107368.

Colaboración 
Esta guía é o resultado dun proxecto de colaboración definido no marco do Plan de acción en Software Libre do ano 2013, entre o CDTIC, AGASOL e FEAGA. O obxectivo do proxecto consistía en achegar as TIC aos profesionais autónomos e ás micropemes da nosa comunidade a través de ferramentas de software libre que lles axuden a mellorar as súas principais actividades diarias.

A colaboración con FEAGA foi fundamental para determinar cales eran as principais necesidades do sector obxectivo en Galicia, de maneira que AGASOL puidese centrar a guía no tipo de solucións máis axeitadas.

Plan de Software Libre da Xunta
Desde o ano 2010 a Xunta de Galicia está a desenvolver o Plan de Software Libre, que cada que cada ano desenvolve máis de 120 actuacións para promover o uso deste tipo de software na Administración, nas empresas e entre a cidadanía. O Plan desenvólvese en colaboración coas ssociacións galegas de usuarios de software libre (AGUSL), as empresas do sector (AGASOL), o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG, que integra as tres universidades) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).

Para incentivar o uso do Software Libre no sector empresarial a Amtega, no marco deste Plan, celebrará ao longo do último trimestre do ano 14 obradoiros e seminarios prácticos sobre solucións de software libre no Centro Demostrador TIC e 136 horas de formación.

Software Libre na empresa
A tendencia no uso do software libre nos últimos ano mantivo unha progresión ascendente no ámbito empresarial. A finais de 2012 case o 74% das empresas empregaban aplicativos libres, chegando ao 82% no caso das empresas do sector TIC. Desde 2008 o uso do Sistema Operativo Libre incrementouse en 13,1 puntos porcentuais acompañado dun descenso de 15,1 puntos no uso de sistemas operativos privativos. No caso das empresas TIC este aumento chegou a 24,4 puntos.