A Amtega e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia avaliarán a calidade dos servizos de banda larga na comunidade

Mércores 22 de Abril de 2015

A Amtega e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia avaliarán a calidade dos servizos de banda larga na comunidade

É unha das medidas contempladas no convenio asinado entre a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o presidente da AETG.

Ademais, a Asociación ofrece aos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación.

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) levará a cabo medicións e controis sobre o terreo da calidade do servizo das redes de acceso á banda larga a través de tecnoloxías sen fíos existentes en Galicia.

Esta actuación levarase a cabo tomando como referencia os obxectivos acadados coa execución do Plan de Banda Larga de Galicia, que incrementou a poboación con cobertura en Galicia do 71% ao 98%, a través de redes fixas e sen fíos, e o 2% restante mediante satélite.

Este traballo de análise é unha das medidas recollidas no convenio de colaboración asinado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente da AETG, Ramón Bermúdez de Castro.

Asesoramento
Ademais, grazas a este acordo, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia pon á disposición dos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación.

Este servizo está dispoñible a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.

Esta medida vén motivada polos numerosos cambios en materia das telecomunicacións que se están a producir nestes anos, e que repercuten nas actividades sobre as que exercen as súas competencias as entidades locais. Trátase de eliminar as dificultades de actualización normativa e de acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento diario destas Administracións Locais.

Con este servizo búscase facilitar o desenvolvemento ordenando das telecomunicacións en todo o territorio promovendo un ambiente favorable que atraia o investimento dos operadores e facer que todos os cidadáns poidan acceder a máis e mellores servizos de telecomunicación asequibles.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia 65.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.