A Amtega convoca o I Premio Son Dixital para recoñecer as mellores iniciativas de Innovacion Social Dixital da Rede CeMIT
Poderán presentar a súa candidatura os proxectos desenvolvidos nas tres edicións do programa CeMIT-Innova
O prazo de inscrición está aberto desde hoxe ata o 10 de novembro
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre hoxe a convocatoria da I edición dos premios Son Dixital, á que poderán presentarse todos os proxectos de Innovación Social Dixital desenvolvidos desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres edicións do proxecto CeMIT-Innova.
O Premio Son Dixital busca recoñecer ás persoas e entidades implicadas nas iniciativas que se desenvolveron nestes tres últimos anos e o traballo das entidades colaboradoras do mesmo, concellos, aulas CeMIT, voluntariado, asociacións e empresas. Ademais dun gañador o premio contará con ata dous accésit.
Os participantes nos proxectos de innovación social dixital poderán presentar candidatos ao premio desde hoxe, 26 de outubro, ata o 10 de novembro do 2017, a través dun formulario publicado na web do proxecto (https://cemit.xunta.gal/cemit-innova/). Neste formulario recollerase información tanto da persoa ou entidade candidata ao premio, responsable dun proxecto que, grazas á tecnoloxía, conseguiu mellorar a súa vida, como da propia iniciativa.
O día 16 de novembro de 2017 fallarase o premio e comunicarase o fallo ao gañador ou gañadores. Ademais do recoñecemento, os premiados obterán tamén dispositivo tecnolóxico, achegado pola empresa colaboradora do programa CeMIT-Innova Primux Trading..
CeMIT-Innova
CeMIT-Innova é un proxecto colaborativo posto en marcha pola Amtega no 2015 para fomentar a Innovación Social Dixital en Galicia, no marco do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.
CeMIT-Innova celebra este ano a súa III Edición, para a que foron seleccionados os proxectos, presentados polas aulas CeMIT dous concellos de Bande, Boborás, Brión, Catoira, Carballedo, Cuntis, Oroso, Ourense, Narón e Santa Comba, que se suman aos 18 proxectos das edicións anteriores edicións.
En total 28 proxectos de Innovación Social Dixital impulsados abordan asuntos desde a promoción económica, cultural e turística das zonas rurais, ao desenvolvemento empresarial da zona, a formación especializada, a inclusión social e tecnolóxica, a igualdade de xénero no campo dixital, o ciberacoso, o envellecemento activo e alfabetización dixital de diferentes colectivos, así como a dinamización de novos espazos e vocacións tecnolóxicas entre os máis novos e a mellora da empregabilidade das persoas do municipio.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.