A Amtega celebra o luns en Santiago o I Encontro para o desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais

Venres 13 de Marzo de 2015

A Amtega celebra o luns en Santiago o I Encontro para o desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais

A xornada, organizada en colaboración coa Fegamp, busca poñer en común as liñas de colaboración para a implantación da Administración electrónica e analizar os novos retos neste eido.

Profesionais de concellos, deputacións, Administración autonómica e colexios profesionais falarán de interoperabilidade, factura e licitación electrónicas, extensión de infraestruturas de telecomunicación e capacitación dixital.

A inscrición pode realizarse a través do correo electrónico oficina.econcellos@xunta.es.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), celebra o vindeiro luns, 16 de marzo, o I Encontro para o Desenvolvemento da Administración Electrónica, “Un compromiso conxunto cara os cidadáns”.

O obxectivo da xornada é poñer en común as liñas de colaboración da Administración autonómica coas entidades locais para a implantación da Administración electrónica, avanzar novas medidas e abrir un foro de debate sobre temáticas de interese e actualidade neste eido.

A xornada, comezará coa mesa redonda Cara unha veciñanza intelixente, na que se abordarán aspectos chave da Administración electrónica como a interoperabilidade, a capacitación dixital. Intervirán nesta mesa a xefa do Departamento de Administración Electrónica da Amtega, Isabel Pillado Quintáns; Responsable TIC da Fegamp, Raúl Fernandez; o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez Lorenzo e o xefe de Servizo de Asistencia aos Sistemas de Xestión da Deputación da Coruña, Miguel Lorenzo

A segunda mesa da mañá centrarase na Factura electrónica, a licitación electrónica e Transparencia como retos presentes e futuro cara o bo goberno. Nesta mesa participarán o vicesecretario Xeral da Deputación Provincial de Ourense, Juan Marquina; o xefe de proxecto de Licitación electrónica da Deputación de Pontevedra, Juan Gabriel Fernández.; o interventor xeral do Concello de Negreira, Francisco Javier Portela; o director Xeral da Fegamp, José Manuel Chapela e director de Fondos Europeos e Responsable do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Lugo, Pablo Rivera.

Infraestruturas de telecomunicación e retos dos profesionais TIC
Pola tarde o debate centrarase nas infraestruturas de telecomunicación e nos retos dos profesionais TIC na Administración local. Na primeira mesa, o director da área de infraestruturas e telecomunicacións da Amtega, Adrián Lence, falará da nova Rede Dixital de Emerxencias de Galicia; María Cacharro do Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local abordará o modelo de ordenanza para adaptala á nova Lei de Telecomunicación; e o vogal do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación, Javier Fernández, exporá a importancia do despregamento de novas infraestruturas de telecomunicación para a implantación da eAdministración.

O encontro rematará analizando os retos do profesionais TIC das Administracións locais da man do responsable de informática do Concello de Lugo, Eduardo Risco, do presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez Lorenzo, e do presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia.

A inscrición na xornada pode realizarse a través do correo electrónico oficina.econcellos@xunta.es ou do teléfono 981 95 75 55. Xúntase programa do Encontro.