A AMTEGA celebra no CDTIC dous seminarios para achegarlles a profesionais e empresas TIC formación práctica sobre o xestor de contidos Drupal

Sábado 06 de Setembro de 2014

A AMTEGA celebra no CDTIC dous seminarios para achegarlles a profesionais e empresas TIC formación práctica sobre o xestor de contidos Drupal

O primeiro, de nivel básico impartirase o 11 de setembro e o 1 de outubro, o de nivel avanzado.
Esta actividade está destinada principalmente a profesionais TIC e responsables da xestión web nas empresas.
A iniciativa está a ter unha excelente acollida entre as pequenas e medianas empresas TIC galegas xa que as prazas ofertadas para o primeiro seminario esgotáronse rápidamente.

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá en Santiago dous seminarios sobre o xestor de contidos Drupal: “Administración básica de Drupal” (https://cdtic.xunta.es/drupal-basico) e “Administración avanzada de Drupal” (https://cdtic.xunta.es/drupal-avanzado). Ambos impartiranse en horario de 16.00 a 20.00 horas, os días 11 de setembro e 1 de outubro respectivamente.

Na primeira das sesións, de administración básica, as persoas asistentes coñecerán os fundamentos de Drupal 7 e aprenderán a montar desde cero e a xestionar unha páxina web utilizando este sistema de xestión de contidos. Por outra banda, na segunda das sesións, de administración avanzada, afondarán na utilización e configuración de Drupal con características avanzadas do sistema. En ambos os dous seminarios, os asistentes contarán cun equipo informático para pór en práctica os conceptos e as ferramentas descritas na clase.

Os principais destinatarios desta actividade son os profesionais TIC, os responsables de xestionar as webs das empresas, os autónomos etc. que queiran crear unha páxina web en Drupal ou ben xa administran unha e desexan afondar na súa utilización e na incorporación de máis funcións.

O encargado de impartir as sesións será Christian von Eitzen, enxeñeiro superior de Telecomunicacións que, desde o ano 1999, traballa desenvolvendo e dirixindo proxectos, e sendo responsable de diferentes sistemas web, comercio electrónico e plataformas en internet.

Éxito da convocatoria
A demanda entre as pequenas e medianas empresas galegas superou nun 100 % as prazas ofertadas para participar no primeiro dos seminarios, “Administración básica de Drupal”, o que dá conta da excelente acollida da iniciativa entre os profesionais TIC e os responsables da xestión web das empresas, colectivos para os cales están destinadas estas dúas sesións sobre Drupal.

Por este motivo, ante a boa aceptación da primeira das sesións, que se vai impartir o 11 de setembro en Santiago de Compostela e na que as prazas ofertadas se esgotaron rapidamente, prevese repetir en Vigo, ao longo do último trimestre deste ano, a celebración dos dous seminarios, o básico e o avanzado.

O xestor de contidos Drupal
Drupal é un sistema de xestión de contidos (CMS) distribuído como software libre baixo licenza GNU/GPL (General Public License). Emprégase para crear sitios web dinámicos e con gran variedade de funcionalidades, xa que permite publicar, entre outros, artigos, imaxes, arquivos, ademais de xestionar servizos como foros, enquisas, votacións, blogs etc. Destaca pola calidade do seu código e das páxinas xeradas, o respecto dos estándares da web, e a usabilidade e consistencia de todo o sistema. A comunidade de Drupal está formada por máis dun millón de persoas de 230 países diferentes e que falan 181 linguas.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.