A AMTEGA celebra mañá un seminario no que se abordarán os retos na adopción do Cloud Computing nas empresas

Venres 13 de Setembro de 2013

A AMTEGA celebra mañá un seminario no que se abordarán os retos na adopción do Cloud Computing nas empresas

A xornada será impartida por Roberto Baratta, recoñecido experto con ampla experiencia no sector e membro das principais organizacións nacionais e internacionais neste eido

Os profesionais do sector TIC coñecerán as claves para minimizar os riscos nun proceso de migración ao Cloud Computing

A asistencia ao seminario, que terá lugar no Centro Demostrador TIC, é de balde previa inscrición en: http://cdtic.xunta.es/retos-cloud

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra mañá, 10 de decembro, en horario de 16:00 a 20:00 no Centro Demostrador TIC o seminario “Retos na adopción do Cloud Computing” dirixido a profesionais do sector TIC. A asistencia ao seminario é de balde, condicionada ao aforo da sala e previa inscrición en: http://cdtic.xunta.es/retos-cloud.

Na xornada analizaranse os retos que determinarán a evolución e a definitiva implantación do Cloud Computing no contexto nacional e internacional. Así, os CIOs, CISOs, CTOs e directores TI de empresas coñecerán as claves para minimizar os riscos nas organizacións que desexan apoiarse en servizos Cloud ou aquelas que desexan migrar á nube, as solucións e servizos TIC que ofertan a terceiros.

O seminario será impartido por Roberto Baratta, CISO e responsable de Seguridade das Tecnoloxías da Información en NovaGaliciaBanco, membro da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información (ISMS Fórum), da Cloud Software Alliance (CSA) e colaborador da versión española da “Guía de Seguridade de Áreas Críticas en Cloud Computing v3” da CSA. A súa traxectoria foi recoñecida recentemente co Premio ao “CISO do Ano 2012” da Fundación Dintel e o premio a “Traxectoria Profesional 2013” do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de red.es e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.