A Amtega aproba o Plan de Acción 2015 con 41 programas para consolidar a administración dixital, modernizar sectores chave da economía e estender redes ultrarrápidas na comunidade
Este ano lanzarase a Axenda Dixital de Galicia 2020, a nova estratexia tecnolóxica da Xunta para afrontar os retos marcados por Europa.
No eido dos servizos públicos ampliarase o alcance da iniciativa eDixgal a 7.500 alumnos e porase en marcha a Historia Social Única.
Consolidaranse os avances na dixitalización da Administración e da Xustiza coa entrada en funcionamento do Arquivo Dixital Integrado e da sede xudicial electrónica.
Aprobarase unha nova estratexia para levar as redes 4G ao rural e continuar a extensión da fibra óptica aos fogares.
Activarase a Rede Dixital de Emerxencias, que integra nun mesmo sistema a todos os colectivos que participan nas emerxencias.
O Plan de Acción 2015 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), establece 41 programas operativos, dotados con 86 millóns de euros para consolidar unha administración intelixente e eficiente, avanzar cara unha cidadanía dixital, integrar as TIC nos sectores económicos chave de Galicia, impulsar o sector TIC e estender redes ultrarrápidas na Comunidade.
O Plan foi aprobado hoxe no Consello Reitor da Axencia, presidido polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Na xuntanza do máximo órgano da Amtega, a súa directora, Mar Pereira, destacou o grao de cumprimento do Plan 2014, que se situou no 86%.
Respecto ás iniciativas previstas para 2015, Mar Pereira, destacou que este será o ano da aprobación da nova Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica da Comunidade para o horizonte 2020. Neste sentido, destacou que as medidas desenvolvidas no marco da primeira Axenda Dixital, 2014.gal, permiten a Galicia afrontar os retos marcados por Europa para os vindeiros cinco anos.
Modernización da Administración Pública
En 2015 aprobarase o II Plan de Administración e Goberno electrónico, que permitirá consolidar os avances acadados nos últimos catro anos no eido da eAdministación e afrontar novos retos. Entre outras medidas, este ano está previsto a entrada en funcionamento do Arquivo Dixital Integrado da Xunta; incrementar ata 900 os trámites online dispoñibles na sede electrónica da Xunta; ampliar os servizos do nodo de interoperabilidade; acadar os 15.000 empregados públicos con sinatura dixital; e a posta en marcha do sistema Chave 366, que permitirá a tramitación online a través de contrasinais seguros e sen necesidade de certificados dixitais
No eido da Xustiza, aprobarase o novo Plan Senda 2020 e porase en marcha a sede electrónica xudicial, accesible desde o portal eXustiza, e que nunha primeira fase permitirá a presentación escritos de trámite sobre procesos monitorios e a posibilidade de achegar a documentación que se considere.
Iniciativas para os principais sectores produtivos e a mellora de servizos estratéxicos
Este ano poranse en marcha o Rexistro de información turística de Galicia e da plataforma vinculada ao Camiño de Santiago, Smart Camiño, dúas pezas chave do Plan Smart Turismo, para evolucionar cara un sector turístico máis competitivo, participativo e innovador.
No eido do Transporte iniciarase a implantación do Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade (SAE), unha plataforma tecnolóxica para as empresas de transporte público de viaxeiros, que abre a porta á implantación dos servizos por demanda dos usuarios e fomenta a intermodalidade, ao posibilitar a integración de distintos servizos de transporte.
No eido educativo estenderase a iniciativa eDixgal, enmarcada no proxecto Abalar, a 7.500 alumnos de 5º e 6º de primaria e 1º da ESO. EDixgal é un paso mais cara unha educación totalmente dixital e ofrece xa unha plataforma de contidos curriculares dixitais completos e gratuítos a 2.300 alumnos de 5º de Educación Primaria de 84 centros.
En canto aos servizos de Benestar, este ano disporase da primeira versión da Historia Social Única, que permitirá acceder á información social dispoñible dos cidadáns de forma unificada, tanto á que afecta aos servizos proporcionados pola administración autonómica, como aquela provinte dos servizos doutras administracións.
Plan de Inclusión Dixital e impulso ao Sector TIC
No primeiro semestre do ano, a Amtega presentará o Plan de Inclusión Dixital de Galicia, o instrumento para lograr un servizo integral de dixitalización de toda a cidadanía.
En 2015 avanzarase en diferentes iniciativas para o impulso do sector tecnolóxico. Celebrarase a segunda convocatoria da iniciativa de Telefónica Galicia Open Future e impulsaranse novas liñas de traballo co resto de axentes asinantes do Pacto Dixital de Galicia.
Ao longo deste ano desenvolverase o plan de traballo para poñer en marcha actuacións concretas do Programa Transformatic, asinado o pasado ano. Unha das medias, xa en marcha, é a elaboración do “Estudo das causas da falta de vocacións tecnolóxicas”.
Infraestruturas de Telecomunicación
Tras cumprir os obxectivos do I Plan de Banda Larga, en 2015 aprobarase un novo plan autonómico para achegar as redes móbiles 4G ao rural e dar continuidade aos despregamentos de redes de fibra óptica ata os fogares. Unha medida que permitirá acadar os obxectivos marcados por Europa para 2020: toda a poboación con acceso a redes de cando menos 30Mbps e a metade dos fogares europeos conectados ás redes de cando menos 100 Mbps.
Entrará en funcionamento a Rede Dixital de Emerxencias, que integrará nun mesmo sistema a todos os colectivos que participan nas emerxencias, mellorando a súa coordinación e garantindo as comunicacións en situacións extremas ou de saturación.
Vai ser a primeira rede de emerxencias de España con capacidade para multiplicar por 5 a velocidade de transmisión de datos respecto as redes de emerxencia convencionais. Está dimensionada inicialmente para 8.000 usuarios e ten capacidade técnica para chegar ata os 12.000.