A Amtega aproba o Plan de acción 2014 con 42 programas que marcan o inicio da nova estratexia dixital da Administración autonómica
Este ano porase en marcha iniciativas tecnolóxicas para impulsar a competitividade de sectores produtivos como o Turismo e o Transporte co Plan Smart Turismo e o Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade
No eido do servizos públicos avanzarase cara o ensino dixital integral co arranque o vindeiro curso dunha plataforma de aprendizaxe virtual e gratuíta
Ampliaranse os servizos dixitais para cidadáns e empresas e impulsarase o uso da eAdministración, simplificando o seu acceso con iniciativas como Chave 365
Materializaranse diferentes iniciativas para o impulso do sector tecnolóxico como a posta en marcha antes do verán do Centro de Emprendemento TIC no Gaiás e o inicio das iniciativas previstas no Programa Transformatic
O Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), presidido polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, Alfonso Rueda, aprobou esta mañá o seu Plan de Acción 2014, que establece 7 obxectivos estratéxicos que aglutinan 42 programas de acción cun orzamento de 100 millóns de euros.
Na xuntanza do máximo órgano da Axencia, a súa directora, Mar Pereira, indicou que en 2013 cumpríronse o 90% das actuacións previstas para ese ano e un 22% das iniciativas marcadas no contrato de xestión plurianual para 2016. O contrato de xestión plurianual, aprobado o pasado ano, regula a actividade da Amtega desde a máxima transparencia, establecendo os plans de actuacións, proxectos e indicadores asociados que son avaliados de xeito anual.
Respecto ás iniciativas previstas en 2014, Mar Pereira explicou que marcarán o inicio da nova estratexia dixital da Administración autonómica, con proxectos tecnolóxicos de calado para mellorar sectores primarios como a pesca ou o eido forestal; servizos públicos de especial relevancia para a cidadanía como a Educación ou o Benestar; e sectores tractores da economía galega como o Turismo. Ademais, destacou as medidas para o impulso do sector tecnolóxico galego e a posta en marcha do Plan de Inclusión Dixital de Galicia.
Iniciativas para os principais sectores produtivos e a mellora de servizos estratéxicos
Este ano ponse en marcha o Plan Smart Turismo, cun orzamento de 10 millóns de euros ata 2016, para evolucionar cara un sector turístico máis competitivo, participativo e innovador e establece unha liña específica para a potenciación do Camiño de Santiago, que facilitará a peregrinos e turistas os servizos tecnolóxicos máis avanzados.
No eido do Transporte iniciarase a instalación do Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade (SAE), unha plataforma tecnolóxica para as empresas de transporte público de viaxeiros, que abre a porta á implantación dos servizos por demanda dos usuarios e fomenta a intermodalidade, ao posibilitar a integración de distintos servizos de transporte.
Entre as actuacións dirixidas a servizos públicos esenciais destaca a posta en marcha no vindeiro curso 2014/2015 dunha plataforma de contidos curriculares dixitais completos, gratuítos para as familias e accesibles sen necesidade de conectividade. A iniciativa, que forma parte do Proxecto Abalar, prevé alcanzar en tres anos a 22.500 alumnos e suporá un aforro total de 4,5 millóns de euros. No eido do benestar avanzarse no desenvolvemento da Historia Social Única, que permitirá unha mellor coordinación entre os sistemas sanitario e de servizos sociais así como predicir necesidades e desenvolver políticas de prevención.
Nos sectores forestais e mariño traballarase na mellora dos sistemas de información empregados no plan de loita contra os incendios, e no primeiro semestre do ano iniciarase a pilotaxe do Proxecto Videoguard, un sistema de videovixilancia intelixente contra o furtivismo no litoral galego.
Modernización da Administración Pública
Durante 2014 consolidaranse as iniciativas desenvolvidas nos últimos tres anos a través do Plan de Modernización da Administración, ampliaranse os servizos dixitais para xestores, cidadáns e empresas e impulsarase o uso da eAdministración simplificando o seu acceso.
Unha destas medidas será a posta en marcha do sistema Chave 366 que permitirá a tramitación online a través de contrasinais seguros e sen necesidade de certificados dixitais. Ademais, entrará en funcionamento o sistema de notificacións electrónicas coas mesmas garantías xurídicas que as notificacións en papel.
Poranse en marcha 15 novos servizos de interoperabilidade para evitar que o cidadán presente documentación básica que obra en poder da Administración como xa ocorre co DNI, o certificado de empadroamento ou de titularidade da conta bancaria. Ademais, completarase a implantación do sistema de rexistro único e a dotación de medios para as funcións de dixitalización e compulsa electrónica nas 500 oficinas de rexistro.
Plan de Inclusión Dixital e impulso ao Sector TIC
No primeiro semestre do ano, a Amtega presentará o Plan de Inclusión Dixital de Galicia, o instrumento para lograr un servizo integral de dixitalización de toda a cidadanía.
En 2014 materializaranse diferentes iniciativas para o impulso dos sector tecnolóxico. Por unha banda, porase en marcha antes do verán o Centro de Emprendemento TIC no Gaiás, un dos compromisos de Telefónica no marco do Pacto Dixital. O centro albergará a 60 emprendedores do ámbito tecnolóxico, aos que se lles facilitará apoio, formación e contactos con posibles investidores.
A Amtega asinará un convenio coas tres universidades galegas, os centros tecnolóxicos e o clúster TIC para poñer en marcha as actuacións do Programa Transformatic, que aliña as diferentes iniciativas de apoio ao sector que se están a desenvolver desde a Administración autonómica, contando coa a colaboración do axentes do sector, as universidades e do tecido empresarial galego para favorecer o crecemento do sector.