A Amtega amplía ata 30 de novembro o prazo para inscribirse no concurso ‘Curtas co móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’, dirixido a mozos galegos matriculados na ESO ou Bacharelato

Venres 17 de Outubro de 2014

A Amtega amplía ata 30 de novembro o prazo para inscribirse no concurso ‘Curtas co móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’, dirixido a mozos galegos matriculados na ESO ou Bacharelato

É unha das iniciativas da campaña para a participación cidadá no proceso de elaboración da nova estratexia tecnolóxica da Administración autonómica.

Os centros educativos poden inscribirse a través do formulario online dispoñible no blog.adg2020.es

Ata o 30 de novembro tamén se poden enviar suxestións ou participar nos foros do blog.adg2020.es sobre os cinco retos tecnolóxicos de Galicia propostos.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía ata o 30 de novembro o prazo de inscrición no concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’, dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou Bacharelato de Galicia, de entre 14 e 18 anos. O formulario online está dispoñible no blog.adg2020.es/. “Curtas co Móbil” é unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a futura estratexia tecnolóxica global da Xunta.

Os obxectivos do certame son explorar a creatividade audiovisual dos mozos a través da gravación de micromovies, fomentar o traballo en equipo e o uso da lingua galega, así como sensibilizar sobre a importancia do desenvolvemento tecnolóxico da Comunidade.

Os mozos e mozas poderán participar tanto individualmente, como por grupos de ata 5 persoas, gravando un vídeo dun máximo de 3 minutos onde se visualice como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro.

Os centros educativos interesados en participar poderán inscribirse de xeito gratuíto a través do formulario online dispoñible no Blog XenteDixital (blog.adg2020.es/). Xunto co formulario cumprimentado o titor do equipo deberá achegar o link ao vídeo, que debe ser previamente subido a unha canle de YouTube do centro educativo ou do titor.

Gañadores e premio
Os vídeos recibidos publicaranse no Blog XenteDixital e nas redes sociais da Amtega e serán valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Novas Tecnoloxías.

Os vídeos finalistas serán publicados en facebook (www.facebook.com/amtega), dentro do apartado "Elixe o vídeo finalista do concurso!", no que calquera internauta que o desexe poderá votar o vídeo que considere que mellor representa o futuro de Galicia a través das novas tecnoloxías. Os vídeos gañadores serán os dous que máis “gústame” obteñan dentro do apartado.

O premio consistirá nunha tablet para cada alumno responsable do vídeo máis votado e unha minitablet para cada un dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado. Ambos os dous vídeos serán publicados como gañadores no Blog XenteDixital (blog.adg2020.es/) e en facebook (www.facebook.com/amtega).

Todos os desafíos abertos ata o 30 de novembro
O pasado 28 de xullo a Amtega puxo en marcha o blog.adg2020.es, desde o que se están a formular cinco desafíos sobre que medidas ou solucións TIC poderían contribuír a mellorar cinco ámbitos: a cidadanía, os servizos públicos, empresas, a educación e os sectores primarios. O obxectivo é recoller as ideas e suxestións de toda a sociedade galega sobre os retos tecnolóxicos da Comunidade para incorporalos á nova estratexia tecnolóxica da Xunta para 2020.

A través de blog.adg2020.es calquera persoa pode achegar ata o 30 de novembro as súas propostas aos desafíos, participar nos foros de discusión sobre os mesmos ou, simplemente, enviar as suxestións que considere a través do mail adg2020@xunta.es.

Para impulsar a participación nos retos relacionados co tecido empresarial creáronse dous debates sobre o tema no grupo de Linkedin da Amtega. A presenza en Linkedin desta iniciativa súmase á difusión que xa se vén facendo en Facebook e Twitter.