A AMTEGA abre tres novos desafíos da campaña de participación social para elaborar a Axenda Dixital de Galicia 2020

Sábado 04 de Outubro de 2014

A AMTEGA abre tres novos desafíos da campaña de participación social para elaborar a Axenda Dixital de Galicia 2020

Ata o 15 de outubro pódense enviar suxestións ou participar nos foros do blog.adg2020.es sobre os retos tecnolóxicos de Galicia no eido das empresas, a educación e o sector primario.

Para impulsar a participación nos desafíos relacionados co tecido empresarial creáronse dous debates no grupo de Linkedin da Amtega.

A participación nos dous primeiros desafíos formulados finalizou con preto de 50 achegas recibidas.

Administración electrónica, sanidade, educación, mobilidade, accesibilidade web, alfabetización e capacitación dixital e favorecer o acceso ás novas tecnoloxías son as temáticas máis destacadas polos participantes

Os máis novos poderán achegar as súas propostas a través do Concurso Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia, aberto ata o 30 de outubro.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar tres novos desafíos tecnolóxicos no blog.adg2020.es dentro da campaña para a participación social no proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020.

O pasado 28 de xullo a Amtega puxo en marcha o blog.adg2020.es, desde o que se están a formular cinco desafíos sobre que medidas ou solucións TIC poderían contribuír a mellorar cinco ámbitos: a cidadanía, os servizos públicos, empresas, a educación e os sectores primarios. O obxectivo é recoller as ideas e suxestións de toda a sociedade galega sobre os retos tecnolóxicos da Comunidade para incorporalos á nova estratexia tecnolóxica da Xunta para 2020.

Tres novos desafíos
Dende o pasado 16 de setembro e ata o 15 de outubro o blog.adg2020.es ofrece tres novos desafíos: “Como aplicarías a tecnoloxía para mellorar a educación do futuro?”, “Que farías para aumentar o uso das novas tecnoloxías nas empresas?” e “Que novas solucións tecnolóxicas proporías para modernizar os sectores primarios de Galicia?”.

Para impulsar a participación nos novos retos relacionados co tecido empresarial creáronse dous debates sobre o tema no grupo de Linkedin da Amtega. A presenza en Linkedin desta iniciativa súmase á difusión que xa se vén facendo en Facebook e Twitter.

Balance dos dous primeiros desafíos formulados
Entre o 28 de xullo e o 15 de setembro recolléronse preto de 50 achegas aos dous primeiros desafíos formulados “A que servizos públicos che gustaría acceder a través da Internet?” e “Que farías en materia de accesibilidade dixital para que todas as persoas poidan facer uso dos servizos públicos dixitais?”.

Administración electrónica, sanidade, educación e mobilidade foron as temáticas máis destacadas polos participantes en canto ao grao de mellora dos servizos públicos grazas ao emprego das novas tecnoloxías. Por outra banda, mellorar a accesibilidade web, promover a alfabetización e capacitación dixital e facilitar o acceso ás novas tecnoloxías foron as temáticas máis comentadas en materia de accesibilidade dixital.

Concurso de curtas co móbil para os máis novos
Como parte da campaña para a participación social o pasado 15 de setembro a Amtega abría o prazo de inscrición no concurso ‘Curtas co móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’, dirixido a mozos galegos matriculados na ESO ou Bacharelato de entre 14 e 18 anos.

Neste concurso de curtas co móbil os mozos e mozas poden participar tanto individualmente como por grupos dun máximo de 5 persoas, e amosar a súa destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo de 3 minutos de duración onde se visualice como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro.

O premio consistirá nunha tablet para cada alumno responsable do vídeo máis votado e unha minitablet para cada un dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado mediante o sistema ’gústame’ do Facebook da Amtega.

O prazo de presentación de solicitudes e os seus correspondentes vídeos estará aberto ata o vindeiro 30 de outubro. Os centros educativos interesados en participar, poden realizar a súa inscrición gratuíta a través do formulario online dispoñible no Blog XenteDixital (blog.adg2020.es).

Modelo de intelixencia colectiva
A definición da nova Axenda Dixital de Galicia 2020 atende a un modelo de intelixencia colectiva, facendo partícipes dende o inicio a todos os axentes implicados, tanto dende unha perspectiva interna á propia administración autonómica como dende unha perspectiva externa: outras institucións públicas, axentes económico – sociais e representantes da sociedade civil, na identificación e resolución dos desafíos dixitais aos que se enfronta Galicia.

Desde finais de xullo o blog.adg2020.es está aberto ás achegas e propostas de toda a sociedade galega aos desafíos formulados e á participación nos foros de discusión sobre os mesmos así como ao envío de calquera suxestión a través do mail adg2020@xunta.es.