Corgos destaca o labor esencial da Amtega para desenvolver unha administración e uns servizos dixitais eficaces, personalizados e accesibles a todos os galegos

Mércores 28 de Maio de 2025

Corgos destaca o labor esencial da Amtega para desenvolver unha administración e uns servizos dixitais eficaces, personalizados e accesibles a todos os galegos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou a xornada Galicia é-
Tecnolóxica
No evento participaron representantes dos departamentos da Administración que están
a aplicar dun xeito práctico os novos avances tecnolóxicos, así como usuarios deses
servizos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o traballo esencial da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para desenvolver unha Administración e uns servizos dixitais eficaces, personalizados e accesibles para todos os galegos.
Durante a inauguración da xornada Galicia é-Tecnolóxica, Miguel Corgos puxo en valor a capacidade da Amtega para descubrir e adaptar ás necesidades específicas de Galicia as oportunidades que ofrecen avances tecnolóxicos como a intelixencia artificial, a nova economía do dato, a robotización de procesos administrativos ou de procesos de produción, o internet das Cousas ou a ciberseguridade.
Nesta liña, referiuse a algúns dos proxectos singulares enmarcados neste proceso de transformación, entre os que destacou, a modo de exemplo, a aplicación XuntaEU, o proxecto Lonxas 4.0 e o proxecto Galiciana Semántica. “Son tres exemplos dun traballo que implica a todas as políticas que son competencia da Xunta, como a xestión do territorio, a mobilidade e o transporte, a educación, a Xustiza, o desenvolvemento rural e a atención ás persoas maiores”, explicou nunha xornada na que que tamén participaron representantes dos departamentos da Administración e das consellerías que están a aplicar dun xeito práctico estes avances.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública agradeceu tamén ese traballo esencial e, moitas veces, invisible que desempeña a AMTEGA e que garante que as cousas funcionen cada día nas oficinas da Administración, nos xulgados, nos centros educativos, nas residencias de maiores, nas lonxas do peixe, etc. Un traballo esencial e invisible, recordou, que se puxo de manifesto dun xeito moi eficaz fai hoxe un mes, cando o pasado 28 de abril, durante o apagamento da subministración eléctrica, os sistemas informáticos da Xunta e dos servizos públicos autonómicos se mantiveron en todo momento activos.
A xornada contou tamén co director da Axencia, Julián Cerviño, que presentou a Memoria Anual deste organismo. Cerviño destacou que en 2024, a Axencia manexou un orzamento de 210,6 millóns de euros e adxudicou contratos por valor de 167,2 millóns de euros.
Entre as actuacións destacadas polo director da AMTEGA atópanse os avances en Administración dixital e ferramentas como a aplicación XuntaEU; a progresión na universalización de servizos públicos dixitais, como a educación, a xustiza, o transporte ou os servizos sociais; ou as melloras na capacitación dixital da cidadanía, como a posta en marcha da nova Certificación Galega de Competencias Dixitais (COMDIX).
Durante a xornada analizouse, coa participación de persoas usuarias, a evolución dos proxectos de Galiciana Semántica–Memoria Dixital de Galicia; a aplicación GaliciaEU e a Sede Electrónica, e a iniciativa Lonxas 4.0.